O 'Street Journal' estuda como velar pola independencia

O diario The Wall Street Journal anunciou unha profunda reestruturación da súa cúpula directiva, mentres a súa matriz, Dow Jones, segue debatendo a oferta de compra lanzada polo magnate da comunicación, Rupert Murdoch.
A reorganización é unha das primeiras medidas que adoptou o editor xeral do diario, Marcus E. Brauchli, que asumiu o cargo hai uns meses, e que quixo imprimir a súa marca nas estruturas máis altas do diario financeiro, un dos máis prestixiosos do mundo.

Segundo un comunicado difundido pola empresa, a nova organización do diario ten por obxecto lograr unha maior integración entre o diario online e o tradicional, así como "simplificar" a estrutura internacional, nun momento en que o diario se está expandindo por todo o mundo.

Segundo informou The New York Times, a reestruturación anunciouse o mesmo día en que a familia Bancroft, que controla o 64% dos dereitos de voto das accións de Dow Jones, ten previsto realizarlle unha nova proposta ó magnate estadounidense Rupert Murdoch.

A nova oferta vai encamiñada, segundo o diario, a buscar unha fórmula que permita manter a independencia editorial de The Wall Street Journal.

Os Bancroft propuxeron crear un consello que poña a recado a independencia do xornal, onde haxa representantes da redacción, e que sexa este consello o que teña poder para contratar e despedir o director do Journal.

GALICIA HOXE
E.M.