Os traballadores da TV Canaria péchanse para reclamar que Socater se sente a negociar

Os traballadores da Televisión Canaria pecháronse nos centros de produción de Tenerife e Gran Canaria como medida de presión para que a empresa se sente a negociar o convenio colectivo.
A produtora Sociedade Canaria de Televisión Rexional (Socater, empresa do Grupo Prisa), encargada dos Servizos Informativos da cadea pública, leva días negándose a abrir un espazo de diálogo sobre a mellora das condicións laborais e profesionais dos 212 empregados da Televisión Canaria.

En Tenerife, os traballadores foron desaloxados por orde da Policía a primeira hora da tarde do xoves tras denunciar a empresa a ocupación do plató; en Gran Canaria a situación complicouse xa que unhas 50 persoas seguen pechadas nas instalacións e desde a empresa se impide o acceso de auga e comida a eses folguistas.

Os empregados convocaron ós seus familiares para que se manifesten, ás portas do centro de produción en El Sebadal, co obxectivo de que se permita a atención das súas necesidades básicas.

As asembleas de traballadores, celebradas o xoves pola mañá, previamente ó peche, tamén decidiron non cumprir cos servizos mínimos impostos polas autoridades laborais a petición da empresa.

Convén lembrar que os sindicatos xa cualificaron estes servizos mínimos como abusivos e fóra de toda lóxica, posto que provocaban que nun día de folga houbese máis persoal traballando que nunha xornada normal.

Os traballadores continuarán protestando e dando a coñecer as súas reivindicacións de todas as maneiras posibles nos próximos días. Desde CCOO e UPCC solicítase ós responsables desta empresa, participada de maneira importante polo Grupo Prisa, que volva á mesa de negociación cunha proposta seria para desbloquear a actual situación.

Por outra parte, os empregados de Socater denuncian o papel que está a xogar o Ente Público Radio Televisión Canaria que neste caso se puxo ó lado dos intereses da empresa que lle serve os programas e non defendendo o dereito á información de todos os canarios.

En especial, é moi criticable a actitude e comportamento do actual director xeral da Televisión Canaria, Daniel Cerdán que, en lugar de tratar de mediar para solucionar o conflito parece estar máis preocupado por evitar que o resto dos medios de comunicación de Canarias se fagan eco do éxito e seguimento desta folga.

Unha das cuestións que máis separa a traballadores e empresa é o ritmo para tratar de homologar os salarios e as condicións de traballo da empresa. Agora mesmo os soldos destes traballadores están un 30 por cento por debaixo da media doutras televisións autonómicas do Estado.

Tamén insisten os empregados de Socater en que se debe reducir o emprego precario existente xa que máis de 50 persoas sofren contratos eventuais continuos sen unha causa obxectiva para iso. A xornada de 38 horas semanais a mellora das condicións dos centros de traballo tamén son solicitadas polos empregados de Socater.

FeSP
CANARIAS