Marta Peirano: “Se os lectores non saben distinguir entre unha noticia falsa e unha noticia nosa, é que estamos a facelo mal”

  • Xosé Ramón Pousa Estévez, Francisco X. González Sarria e Dario Janeiro na presentación da xornada
  • Xurxo Salgado, Xosé Hermida, Virginia P. Alonso, Fernando Varela, David Lombao e María Obelleiro na mesa redonda "Os novos movementos extremistas e como afrontar o fenómeno desde o xornalismo"
  • Paolo Berizzi imparte a confferencia “O avance da extrema dereita en Europa: Desafío para o xornalismo”
  • Marta Peirano imparte a conferencia “Facer xornalismo na era da desinformación”
  • Raúl Magallón Rosa, Alexandre López-Borrull, Edita de Lorenzo, Berta García Orosa e Dolors Palau-Sampio na mesa "Ameazas para a información no mundo dixital"
  • Mesa de plataformas de verificación con Eli Vivas, Lara Graña, Patricia R. Blanco, Marilín Gonzalo e César Peña
  • Mesa “As fake news como estratexia informativa”, con César Peña, Lara Graña, Patricia R. Blanco, Marilín Gonzalo e Eli Vivas
  • Edith Rodríguez Cachera, relatora para os ataques contra a liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras, imparte a conferencia "Os ataques á liberdade de prensa en España"

Marta Peirano, xornalista e ensaísta especializada en tecnoloxía e poder, avoga na xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia por “volver facer xornalismo” contra a proliferación das fake news. O xornalista de La Repubblica Paolo Berizzi, ameazado por investigar o neofascismo, asegura que “a prensa foi demasiado tímida á hora de se enfrontar ao fascismo, o máis grande favor que se lle pode facer aos fascistas é non falar deles”.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión: Retos do xornalismo ante a irrupción dos extremismos, que reúne a diversos expertos en extremismos, desinformación, fact-checking e ataques á liberdade de expresión. O acto conta coa colaboración da Facultade, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

Darío Janeiro, secretrario do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, inaugurou a xornada afirmando que “desinformación e extremismos son un cóctel moi perigoso que afecta ao dereito a informar dos xornalistas e o dereito a recibir información veraz da cidadania”. Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, salientou a importancia de xornadas como esta porque “a educación é unha parte importante” do xornalismo. Francisco González Sarria, decano do Colexio, asegurou que “as fake news, que non son máis que as mentiras de toda a vida, son o antagónico á razón de ser da nosa profesión”.

A conferencia central da mañá versou sobre “O avance da extrema dereita en Europa: Desafío para o xornalismo”, e estivo impartida polo xornalista italiano Paolo Berizzi, investigador do neofascismo no seu país desde as páxinas do diario La Repubblica e de libros como NazItalia. Berizzi afirmou que “a prensa foi demasiado tímida á hora de se enfrontar ao fascismo”, que está a ter “un grande crecemento en todo o mundo”. O xornalista denunciou que “o máis grande favor que se lle pode facer aos fascistas é non falar deles”, criticando ao mesmo tempo os medios que normalizan os extremismos, dado que “dar a palabra aos fascistas en televisión é lexitimalos”. Neste sentido, reivindicou unha comunicación que confronte o discurso da extrema dereita: “O deber dos xornalistas é dar información rigorosa, pero temos tamén unha misión social”.

Na mesa redonda “As fake news como estratexia informativa”, Marilín Gonzalo (de Newtral.es), Patricia R. Blanco (do blog ‘Hechos’ de El País), Eli Vivas (de Verificat e Storydata) e César Peña (do Laboratorio de Innovación Audiovisual de RTVE) presentaron as súas plataformas de verificación, moderados pola xornalista do Faro de Vigo Lara Graña. Vivas destacou que “é máis difícil apagar unha información falsa que difundila”, algo no que incidiron todos os ponentes porque, nas palabras de Peña, “a mentira sempre é máis atractiva que a verdade”. Neste sentido, Blanco puxo en valor a necesidade de “armar aos lectores, conseguir que teñan capacidade crítica para detectar informacións sospeitosas”. Gonzalo apuntou tamén que “a xente non se informa menos, senón que se informa menos polas canles tradicionais”, polo que defendeu a necesidade de difundir os resultados das verificacións por redes sociais, para combater as fake news

Na última mesa redonda da mañá, distintos xornalistas , moderados por Fernando Varela (infoLibre), debateron sobre sobre "Os novos  movementos extremistas e como afrontar o fenómeno desde o xornalismo". Un debate que, segundo David Lombao (Praza Pública), “ten que ver cunha das ferramentas básicas do xornalismo, a fixación de axenda”. Virginia P. Alonso (Público) advertiu de que “non se poden pór ao mesmo nive os feitos e a ideoloxía” e Xosé Hermida (El País) avogou por “non contribuir ao espectáculo e sacar á palestra os temas que de verdade interesan á cidadania”. Pola súa banda, Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) repasou determinadas estratexias para informar dos extremismos como “ir ás causas, non ás consecuencias” ou “evitar as entrevistas amábeis”. María Obelleiro (Sermos Galiza e Nós Diario) defendeu a práctica do xornalismo como “unha ferramenta para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria. 

A xornalista Marta Peirano abre a xornada da tarde

A xornalista especializada en tecnoloxía e poder Marta Peirano abriu a xornada da tarde coa ponencia “Facer xornalismo na era da desinformación”, na que debullou as características das plataformas dixitais a través da que se fabrican as noticias falsas, que “non están deseñadas para manternos informados nin facernos felices, senón para manternos atados á máquina”. “A desinformación ten as pernas moi longas, é moi barata, e prodúcese nun ecosistema no que nós temos responsabilidade, pero os que a producen non”, asegurou. Neste sentido, defendeu unha volta a “facer xornalismo” como defensa contra a desinformación, porque “se os lectores non saben distinguir entre unha noticia falsa e unha noticia nosa, é que estamos a facelo mal”.

Seguidamente, baixo o título "Ameazas para a información no mundo dixital" xuntaronse os expertos das universidades Alexandre López-Borrull (Universitat Oberta de Catalunya), Raúl Magallón Rosa (Universidad Carlos III), Dolors Palau-Sampio (Universitat de València) e Edita de Lorenzo (Universidade de Vigo, COETG). Esta mesa, moderada por Berta García Orosa, profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, tratou aspectos como as fake news nas campañas electorais, as consecuencias da desinformación que non circula nos medios, os medios sociais como canle de difusión de información ou a influencia dos algoritmos no fenómeno da desinformación, ademais de facer unha análise crítica dalgunhas iniciativas de verificación.

A xornada rematou con Edith Rodríguez Cachera, relatora para os ataques contra a liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras España, que impartiu a conferencia "Os ataques á liberdade de prensa en España", presentada por Fernanda Tabarés, xornalista do Grupo Voz. Rodríguez Cachera defendeu que o panorama "cambiou drasticamente nos últimos dez anos", pasándose de falar de temas como á pluralidade deos medios ou a situación dos informantes españois no estranxeiro a tratar de agresións a xornalistas de rúa: "Estabamos afeitos á violencia policial, pero ao que non estabamos afeitos é á violencia cívica". A relatora de RSF explicou que o fenómeno é global, con asasinatos de xornalistas en Europa "por primeira vez en décadas" e fixo autocrítica ao afirmar que a polarización social se estendera aos medios: "O extremismo chegou ao xornalismo, tivemos que facer un chamamento  aos medios para que tenten rebaixar a tensión". Fronte a isto, avogou por "defender o bo xornalismo" distinguindoo do malo, facendo moito fincapé na importancia da educación.

CPXG