Piden respecto ós criterios profesionais na campaña electoral do 27M

O exercicio profesional do xornalismo nas campañas electorais pasa por crecentes dificultades e obstáculos que fan cada día máis difícil ofrecer a mellor información ós cidadáns, e por iso a Asociación da Prensa de Madrid (APM) e o Col.legi de Periodistes de Catalunya emitiron unha declaración conxunta na que piden respecto ós criterios profesionais na campaña electoral.
Na declaración constátase que os partidos políticos son cada día menos propicios a facilitar o traballo dos xornalistas; dificultan, coas máis variadas escusas, o acceso ós candidatos e ós actos de campaña; tratan de substituír a información dos xornalistas profesionais por notas oficiais ou pezas audiovisuais elaboradas especificamente para os medios, sen indicación de autor e con contido máis propagandístico que informativo.

Ademais, engaden, é cada vez é máis frecuente a discriminación a medios e a xornalistas en función de afinidades e en detrimento da crítica.

Por iso, ambas as dúas entidades lamentan que os criterios de neutralidade, equidade, pluralidade e equilibrio que deben caracterizar unha democracia avanzada interprétanse e aplican erroneamente con sistemas de bloques, cotas ou lotes de tempos e preferencias predeterminados nos medios públicos.

Sinalan que eses criterios fan caso omiso do interese informativo e dos principios profesionais máis elementais do xornalismo, e que a estes principios tampouco deberían ser alleos os medios privados que se proclaman independentes.

A APM e o Col.legi rexeitan o sistema de bloques aplicado á información política nos medios públicos durante as campañas electorais.

O feito de que se establezan criterios de propaganda electoral ó tratamento das noticias vulnera os principios básicos do xornalismo: "Consideramos que a pervivencia destes sistemas de control afecta á calidade da democracia e contribúe ó despego da cidadanía respecto á política. Cando os medios públicos se están a dotar dun novo marco legal que garante plenamente a pluralidade, non ten ningún sentido manter un sistema de bloques que afecta á calidade da información á que teñen dereito os cidadáns".

Desde ambas as dúas asociacións valórase o esforzo emprendido polos responsables dos medios públicos por flexibilizar o sistema de bloques, pero desde as instancias profesionais considéranse insuficientes. Ademais, engaden, estes acordos poden ser revogados en caso de que os partidos políticos recorran ás Xuntas Electorais.

Nestes casos, as Xuntas Electorais aplican os criterios dos espazos de propaganda, con orde de aparición e tempo establecido para os diferentes partidos segundo sexa a súa representación nos parlamentos ou os municipios.

A APM e o Col.Legi reiteran que ós xornalistas corresponde un papel mediador da información nas sociedades abertas e ós partidos políticos propiciar un marco que ampare a crítica, o pluralismo e o debate político ó servizo dos cidadáns. Neste sentido, "damos todo o noso apoio ós consellos profesionais dos diferentes medios públicos á hora de formular as súas reivindicacións fronte ó sistema de bloques electorais aplicados á información ou ós abusos partidistas dalgúns medios públicos".

Recorren así mesmo ós xornalistas e ós editores para que, na medida do posible, defendan e poñan en práctica estes criterios, e defenden "a necesidade de que todas as televisións e radios públicas estean amparadas por un novo marco legal, tal como ocorre no caso de TVE e RNE, que garante o seu papel de independencia, pluralidade e servizo público. Un marco que, á vez, impida a manipulación informativa a favor dunha determinada opción política".

PERIODISTAS-ES
RAG
MADRID/BARCELONA