Reporteiros Sen Fronteiras destaca o labor de 30 "heroes da información" contra o coronavirus

O novo informe de Reporteiros Sen Fronteiras, Heroes da información en tempos do coronavirus: o xornalismo que pode salvar vidas, recolle as historias de 30 xornalistas, denunciantes e medios de comunicación, dos cinco continentes, que tiveron un papel esencial na difusión de información durante a actual crise sanitaria.

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) vén de publicar o seu informe Heroes da información en tempos do coronavirus: o xornalismo que pode salvar vidas. O documento, que non pretende ser exhaustivo, recolle as historias de 30 xornalistas, denunciantes e medios de comunicación cuxo papel foi esencial para difundir unha información fidedigna e vital durante a pandemia da Covid-19. A lista inclúe desde figuras mediáticas de gran sona até persoas totalmente descoñecidas para o público. 

A selección europea inclúe a Ana Lalić, comunicadora serbia detida por publicar as queixas do persoal sanitario; Sergueï Satsouk (Belarús), xornalista de investigación belaruso, especializado en saúde, que se atreveu a criticar o goberno; Syndicate - 100, unha coalición de 25 medios independientes rusos realizada para difundir as denuncias do personal médico; e Blaž Zgaga, xornalista esloveno vítima dunha campaña de insultos e ameazas por facer preguntas.

Entre os escollidos asiáticos son maioría os chineses, representados por Chris Buckley, pola dura tarefa de ser correspondente estranxeiro nese país; Caixin, medio independente en inglés e chinés que planta cara á censura; Chen Qiushi, o avogado que se convirteu en xornalista cidadán, actualmente en paradoiro descoñecido; Fang Fang, cronista do día a día en Wuhan, acosada por trolls do goberno chinés; e Li Wenliang, oftalmólogo de Wuhan que deu a voz de alarma sobre a enfermidade. 

Ademais, de Asia destacan a Mahmood Al-Jazeeri, de Bahrain, confinado en solitario por contradicir o goberno; Salim Akash xornalista de Bangladesh en Xordania encarcerado pola súa cobertura dos traballadores inmigrantes; Ahmed Kabir Kishore, humorista gráfico bengalí cuxa serie de cadriños sobre o coronavirus pode custarlle a cadea perpetua; a axencia afgana Pajhwok Afghan News, cuxos traballadores pasaron un mes recluidos na redacción para seguir informando; Roya TV, emisora xordana que sufriu detencións por emitir testemuñas desde os barrios desfavorecidos; Anisseh Shahid, reporteira afgá que continuou a informar sobre o terreo; Mahmud Shariari, presentador iraniano encarcerado por difundir un vídeo sobre a expansión do virus; Tashny Sukumaran, correspondente en Malaisia procesada por informar desde a “zona vermella”, con altos índices de contaxio; e os xornalistas indios Siddharth Varadarajan, cofundador e director do dixital The Wire, vítima da “pandemia de represión”; e Vijay Vineet, que cubriu a fame dos intocábeis durante o confinamento.   

Completan a lista Andjouza Abouheir (Comores), por explicar o misterio dos “cero casos” de coronavirus no seu país; Buenos días, Guinea (Guinea Ecuatorial), programa de televisión cancelado por comentar o confinamento; Eugene Dube (Eswatini), obrigado a exiliarse por criticar a xestión da epidemia; o Gabinete de Crise do Alemão (Brasil), consorcio de medios para informar nas favelas de Río de Xaneiro; os medios locais de Guayaquil (Ecuador), que informaron desde primera liña, con 25 contaxiados e 13 mortos do virus; Radio Corona Internationale (Alxeria/EUA), unha emisora clandestina como antídoto á persecución e a censura; Darvinson Rojas (Venezuela), detido por un chío que cuestionaba as cifras do goberno; Togocheck (Togo), plataforma de vídeos contra a desinformación en linguas autóctonas; WA FM (Costa do Marfil), un medio nado en Whatsapp para combater a desinformación; a Rede Wayuri (Brasil), unha voz para as comunidades indíxenas da Amazonía; e a Asociación de Correspondentes da Casa Branca (Estados Unidos), usados como "chibos expiatorios" pola Administración Trump. 

CPXG