RSF denuncia a impunidade imperante en Gaza contra xornalistas e medios de comunicación

Desde o comezo do ano, moitos medios de comunicación e xornalistas foron obxectivo en Gaza dos grupos armados, as forzas da orde da Autoridade Palestina e tamén a Forza Executiva de Hamas, o partido do primeiro ministro Isamel Haniyeh. Non se abriu ningunha investigación para identificar e sancionar ós autores de ditas exaccións.
Nese contexto de total impunidade, o 5 de xuño de 2007 uns homes armados asaltaron os locais da axencia independente de prensa Palmedia, na cidade de Gaza, convertida no epicentro da violencia contra os profesionais dos medios nos Territorios Palestinos.

"O conxunto da profesión é quen hoxe está a pagar o prezo da inestabilidade nos Territorios, resultado dos enfrontamentos entre Hamas e Fatah. En Gaza non se castigan os crimes nin os delitos cometidos contra xornalistas. As autoridades palestinas non só se demostraron impotentes para restablecer a orde na Franxa de Gaza, senón que mesmo os seus servizos de seguridade se viron a miúdo implicados en agresions á prensa", declarou Reporteiros Sen Fronteiras (RSF).

O 5 de xuño de 2007 unha vintena de individuos armados entraron nos locais da axencia independente de prensa Palmedia, disparando ó aire. No lugar encontrábanse aínda moitos xornalistas da redacción. En vinte e cinco minutos, e sen que ninguén llo impedise, os agresores tiveron tempo de se levar a totalidade dos equipos de traballo, a pesar de que os locais da axencia se encontran a menos de 50 metros da sede da seguridade xeral da Autoridade Palestina, e a menos de 500 metros do pazo presidencial de Mahmud Abbas.

Desde o comezo do ano 2007, RSF tivo coñecemento de polo menos 15 agresions a profesionais dos medios de comunicación na cidade de Gaza. O 13 de maio mataron a dous xornalistas: Suleimán Al-Aachi e Mohammed Mattar Abdou, do diario Filistine, unha publicación próxima a Hamas.

Por outra parte secuestraron a tres xornalistas, un dos cales, o correspondente da BBC Alan Johnston, aínda se encontra en mans dos seus secuestradores.

Polo menos oito medios de comunicación foron atacados ou saqueados. Foi así como en febreiro, membros das Brigadas Qassam, brazo armado de Hamas, e axentes da Forza Executiva, controlada polo goberno do partido islamista, invadiron os locais da radio Al Aamal en Gaza, destruíndo o material e deixando inutilizables as antenas de transmisión.

PERIODISTAS-ES
PALESTINA