RSF lembra na súa nova campaña que "Contra a desinformación, están os feitos"

Reporteiros Sen Fronteiras presentou a súa campaña de fin de ano para o 2023. Co título "Contra a desinformación, están os feitos", a organización internacional denuncia, con exemplos da invasión de Ucraína, a difusión de propaganda nas redes sociais, e defende o traballo das e dos xornalistas para neutralizar a desinformación.

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) vén de pór en marcha unha nova campaña de fin de ano que baixo o título "Contra a desinformación, están os feitos" que denuncia, a través das imaxes, as mensaxes propagandísticas que desde Rusia negan a realidade sobre a invasión de Ucraína. A organización lembra que este tipo de informacións falsas, así como as relativas ao conflito entre Israel e Hamás, "causan estragos" nas redes sociais e salienta que "só o traballo dos xornalistas sobre o terreo pode permitirnos neutralizar e desarmar a desinformación, a manipulación e a propaganda" .

A campaña, desenvolvida pola axencia BETC, co apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores dos Países Baixos, consta dun potente spot televisivo que denuncia a difusión de propaganda a través das redes e destaca a importancia do xornalismo contra a desinformación, seguindo o ronsel do vídeo estreado a finais do ano pasado que estaba centrado nos discursos propagandísticos de Vladimir Putin en la televisión rusa. O anuncio vai difundirse en televisión, redes sociais e sitios web de todo o mundo e está destinado a recaudar fondos para as actividades de RSF.

Christophe Deloire, secretario xeral de RSF, destacou na presentación da campaña que "o traballo dos xornalistas sobre o terreo, en Ucraína, en Oriente Medio e en todo o mundo, é esencial para informar sobre a realidade e reducir o impacto da propaganda, a manipulación e os rumores", e asegurou que a organización "desenvolve solucións innovadoras para promover unha información fiábel e protexer o xornalismo".

CPXG