RSF: «Os xornalistas non teñen que servir de moeda de cambio»

Reporteiros sen Fronteiras atópase extremadamente perocupada tras o anuncio da reivindicación do secuestro do xornalista Alan Johnston polo Exército do Islam, un gupo coñecido pola súa implicación na violencia, que afundiu no caos a franxa de Gaza.
O 11 de maio de 2007, ás 11 da mañá, a organización vaise mobilizar diante da representación da Autoridade Palestina en París, para pedir a liberación do xornalista na véspera de que se cumpran dous meses da súa detención.

« Cada vez estamos máis preocupados por Alan Johnston mentres a súa detención prolóngase e os seus secuestradores non proporcionaron ningunha proba de que goza dun bo estado de saúde. Pedímoslles que non atrasen a súa liberación con reivindicacións pouco realistas. A radicalización do discurso dos secuestradores, e a ausencia de probas de que segue vivo, fan que a espera estea a ser insoportable para a súa familia e colegas, sen noticias do xornalista desde fai case dous meses », declarou a organización.

« Os xornalistas non teñen que servir de moeda de cambio. A franxa de Gaza corre o perigo de se converter nun territorio deserto de xornalistas porque a maioría das redaccións xa están a desaconsellar vivamente ós seus correspondentes que vaian alí », advertiu Reporteiros sen Fronteiras.

O secuestro de Alan Johnston foi reivindicado o 8 de maio de 2007 polo Exército do Islam, mediante o envío dun CD a varios medios de comunicación de Gaza.

Nunha gravación sonora, o grupo esixe a liberación dos musulmáns detidos por Gran Bretaña, e especialmente a do Jeque Abu Qatada, un palestino preso desde 2005 e considerado como xefe espiritual de Al qaeda en Europa.

«Pedimos a Gran Bretaña que poña en liberdade ós nosos presos, e en particular ó Jeque Abu Qatada, o Palestino. Tampouco nos esquecemos dos que están presos noutros países de infieis, e lles pedimos a todos que liberen ós nosos presos, ou lles faremos o mesmo », pide o grupo.

Segundo as informacións recollidas por Reporteiros sen Fronteiras, o CD inclúe algunhas fotos, e entre elas a do carné de prensa de Alan Johnston, así como a gravación vocal dun individuo que non puido ser identificado.

O Exército do Islam é un dos tres grupos que, xunto co brazo armado de Hamas e os Comités de Resistencia Popular, reivindicaron en xuño de 2006 a captura do cabo israelí Gilad Shalit.

O grupo non facilitou ningunha información sobre o estado de saúde de Alan Johnston, aínda que tampouco proferiu ameazas directas contra el. O grupo declarou que se non se satisfan as súas reivindicacións secuestrará a outros occidentais.

En agosto de 2006, os secuestradores de dous xornalistas de Fox News esixiron a liberdade dos musulmáns detidos por Estados Unidos nunha gravación na que, naquela ocasión, si aparecían os reféns.

Alan Johnston, principal correspondente da BBC en Gaza, foi secuestrado o luns 12 de marzo de 2007, cando saía da oficina para ir ó seu domicilio. Os secuestradores interceptaron o seu vehículo e obrigárono a seguirlles para un destino descoñecido.

REPORTEIROS SEN FRONTEIRAS