RSF mobilízase en Londres polo xornalista da BBC Alan Johnston secuestrado en Gaza

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) organizou unha concentración en Londres para presionar ás autoridades británicas e ós executivos da British Broadcasting Corporation (BBC) nas súas xestións para liberar ó xornalista Alan Johnston, secuestrado en Gaza o 12 de marzo de 2007. En presenza dos seus pais, Graham e Margaret Jonston, RSF colgou en Trafalgar Square un retrato xigante do xornalista.
"Fai exactamente un mes que non temos noticias de Alan Johnston. É inadmisible que un xornalista sirva de moeda de cambio no que parece ser un asunto crapuloso. ¿Que esperan as autoridades para facer que o liberen? Pedimos ó presidente da Autoridade Palestina, Mahmud Abbas, e ó primeiro ministro, Ismael Haniyeh, que redobren os seus esforzos neste caso", declarou a organización.

O 12 de abril de 2007, no momento en que Alan Johnston comeza o seu segundo mes de detención, no corazón da capital británica, en Trafalgar Square colgouse un retrato xigante do xornalista.

A BBC organizou tamén unha conferencia de prensa nos locais da Asociación da Prensa Estranxeira. Os pais do xornalista, así como algúns representantes da comunidade musulmá en Gran Bretaña, concentráronse para esixir a súa liberdade.

Tamén en Gaza, o Sindicato de Xornalistas Palestinos organizou unha concentración para pedir ó goberno que multiplique os esforzos, co fin de conseguir a liberación do seu colega británico.

Alan Johnston, correspondente da BBC nos Territorios Palestinos desde 2004, foi secuestrado o 12 de marzo de 2007, dentro do seu vehículo. É a vítima número catorce dunha onda de secuestros que, desde 2005, ten como obxectivo a xornalistas estranxeiros de diversas nacionalidades.

A súa prolongada detención pon en cuestión a seguridade dos xornalistas na franxa de Gaza, onde grupos armados e familias poderosas continúan actuando libremente, na marxe da lei.

PERIODISTAS-ES
REINO UNIDO