RTVE agrupará todos os seus servizos nunha nova sede central en Madrid

Na súa primeira comparecencia ante o Congreso, o presidente de RTVE, Luis Fernández, anunciou a creación dunha nova sede da Corporación en Madrid que agrupará todos os seus servizos. Será a nova casa "da RTVE do século XXI", afirma.
O novo edificio permitirá unificar todos os servizos que RTVE ten actualmente espallados en dependencias de Prado del Rey, Torrespaña e Estudios Buñuel. As sedes do Paseo da Habana e de Joaquín Costa (NODO), utilizadas tamén ata agora, non son da súa propiedade.

Segundo Luis Fernández, as instalacións permitirán un funcionamento máis eficiente e menos custoso da Corporación. E é que no trasfondo desta iniciativa figura o proxecto de austeridade ó que ten que facer fronte -cunha débeda de máis de 7.500 millóns de euros-.

Así, o presidente resaltou que a nova sede implica unha redución de espazos e de custos. "É un proxecto que imos acometer con rigor, sen improvisacións e salvagardando os equilibrios orzamentarios. É moito e de toda índole o gasto innecesario que, en todos os campos, xenera a dispersión de instalacións que temos na actualidade. Edificios antigos, non operativos... Será unha aposta, tamén, pola eficiencia e contra a dilapidación".

"Será un edificio notablemente máis pequeno que o conxunto de instalacións que utilizamos agora e, á vez, infinitamente máis funcional e operativo. Máis eficiente e menos custoso no seu funcionamento. Máis útil, en definitiva. Pero tamén ó que todos miren e recoñezan como a súa casa. E que exprese o compromiso de RTVE co mellor da modernidade, da creación e da cultura española contemporánea", engadiu.

O deseño do novo edificio encargarase a un arquitecto español con proxección internacional. Aínda se descoñece o seu nome, así como a situación, o orzamento ou a data na que estará inaugurado, pero o que é certo é que os traballadores de RTVE terán nova casa a medio prazo.

O rexeitamento dos sindicatos

Os sindicatos CC.OO. e Alternativa RTVE amosaron a súa desconformidade con este proxecto, informa Servimedia. O secretario xeral de CC.OO. en RTVE, Marcel Camacho, asegura que dá a impresión de que é "unha simple operación especulativa, na que se obterán ingresos substanciais por uns terreos e mercaranse outros máis afastados da capital, o que elevará os gastos dos servizos informativos e creará máis trastorno ós traballadores".

Para Francisco Andújar, de Alternativa RTVE, esta decisión tomouna con toda probabilidade a SEPI e non o actual presidente, que agora terá que defender unha iniciativa que "só se xustifica para especular con terreos".

Fernández comparecía hoxe por primeira vez, a petición propia, ante a Comisión Mixta (Congreso-Senado) de Control de RTVE para explicar os seus novos proxectos.

Neste sentido, afirmou que "o cambio do Ente á Corporación non se reduce á denominación, senón que se trata dunha auténtica transformación para afondar na función de servizo público, con autonomía do Goberno. Esta nova etapa require referencias simbólicas potentes e acordes coa súa filosofía: austeridade, funcionalidade, simplificación e servizo público".

Luis Fernández é o primeiro presidente de RTVE electo polo Congreso co consenso dos principais partidos políticos.

O seu cometido é sacar adiante a nova RTVE, inmersa nun proxecto de saneamento que prevé a supresión de 4.150 postos de emprego (de máis de 10.000) en dous anos. O expediente de regulación de emprego (ERE) foi apoiado por traballadores e sindicatos e contempla a xubilación dos maiores de 50 anos.

EL MUNDO
RAQUEL QUÍLEZ
MADRID