Texto da entrega do XIII Premio José Couso

Texto da autoría de Nicolás Vidal, lido no acto de entrega do XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa a Xosé Hermida. 

Ola a todos os que estades aquí en nome de José Couso, un xornalista ferrolán asasinado polo exército dos Estados Unidos por facer o seu traballo: contar que a mentira é a gasolina das guerras, o anabolizante do poder. Impresionoume sempre a loita e dignidade da súa familia por defender o seu recordo. A determinación de que se faga xustiza a pesar dos atrancos que lles puxo quen lles tiña que ter desbrozado o camiño. A miña admiración para os Couso.

Este premio que leva o seu nome galardoa hoxe a Xosé Hermida, un periodista galego que prestixia esta profesión. Quen traballaron con el só saben falar ben da persoa, do xornalista e do xefe. O entusiasmo e a calor cos que foi recibido o seu premio entre os profesionais é moi elocuente. Para min o seu traballo como redactor durante anos en El País foi unha inspiración na distancia. Foino tamén o seu labor ao fronte da delegación do periódico en Galicia, unha demostración diaria de que no noso país é necesario que haxa algún medio independente do poder. Un xornal que amosou que aquí hai uns medios que son fortes máis polo que calan que polo que contan. El País foi un escaparate cabal da nosa realidade e quixo deixar de selo, os seus responsables saberán a razón e cara onde queren ir. Agardo que en Brasil, onde traballa agora Xosé, estea entretido sen chegar ao estrés e sexa feliz. Pero que non tarde en voltar con nós.

O Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas pídenme que fale de periodismo e trato de manter a calma agora que estou a deixar atrás esta profesión. Conto o que vivín. 

Despois de anos laborais en precario, o auténtico cancro desta profesión e o primeiro inimigo da súa liberdade, e despois de teres que aturar situacións absurdas aínda que aliviadas pola solidariedade da xente e de compañeiros doutros medios, un pregúntase cal foi a razón deste traballo como xornalista, no meu caso orientado á prensa local. Un ámbito nos antípodas de tertulianos sabelotodo, propagandistas mercenarios e de calquera que non sinta o periodismo como unha ferramenta para comprender mellor o mundo no que vive.

Vexo a ilusión dos primeiros tempos do noso periódico e a agonía que veu logo e que o estimula a un a buscar outra saída profesional. Véxome a min e aos meus compañeiros pelexando para que a información fose a mellor posible e dándolle voltas na casa ou no coche a unha entrevista ou unha reportaxe. Competindo con quen ten máis influencia e tratando de imaxinar como sería estar nun medio que te abrira portas, que te permitira criticar a un político incompetente ou denunciar, por poñer un exemplo, a instalación dunha planta de gas dentro dunha ría minúscula. Véxome poñéndonos na pel do outro, de calquera cidadán que ten un problema ou unha ilusión e para quen nós somos unha axuda. Que san é sempre poñerse na pel do outro e que paradóxico que a maioría dos xornalistas pensen de xeito distinto á liña oficial dos medios nos que traballan. 
Véxome asumindo que cando fas ben o teu traballo é a túa obriga e cando o fas mal tes unha chamada ou unha visita a un despacho onde hai alguén que dá leccións pero non sempre sabe máis que ti.

Véxome mirando pouco o reloxo e, xa nos últimos anos, cobrando menos e tarde por culpa dunha xestión empresarial nefasta. Por certo, que papel tan lamentable o de tantas empresas periodísticas na xestión desta crise nosa, desta tormenta perfecta sobre a nosa profesión. Deixaron marchar ou directamente botaron aos seus mellores traballadores e traballadoras. Máis pendentes sempre da subvención de “turno”, de seren palmeiros do poder, que de captar o que preocupa á xente, corazón deste oficio. 

Véxome queixarme se saio moi tarde da redacción, roubándolle unha vez máis tempo á familia, e cabrearme se á mañá seguinte hai unha soa gralla no papel que sempre ten un tamaño inmenso e desprende unha luz acusadora, mortificante. Vexo aprender un montón de xente que colabora desde fóra contigo e outra da que non tanto. Que barato sae opinar, que difícil é informar. 

Vexo, como unha chuvia morna e constante, o pesimismo e a falta de ilusión dos meus antigos compañeiros. E sei da dos 400 periodistas parados en Galicia e dos 8.000 en España. Aínda que, non se consola quen non quere, sempre teremos máis esperanza que os 156 que foron asasinados o ano pasado no mundo. Como o foi José Couso.

A onde vai esta profesión hoxe? Un amigo insísteme en que a filla quere estudar xornalismo, repítolle unha vez máis todo o anterior, da dureza deste mundo e toda a salmodia depresiva. El dime que xa llo conta á rapaza, pero que é o que lle gusta. Entón pensando en que cada un debe ter a liberdade de elixir o seu destino, ser dono de erros ou acertos, se é o que ela quere que a anime. Se despois de saber dos problemas que vai ter insiste, que faga o que a súa vocación lle mande porque… non hai profesión máis gratificante e fermosa que o xornalismo, unha das máis humanistas nun tempo no que as máquinas van deixármonos a todos sen traballo. Unha das máis éticas cando logra peneirar dos feitos a propaganda ou o exclusivo interese mercantil. 

A alegría dunha noticia ben feita, a emoción de descubrir a algún personaxe relevante ou algunha historia de valor é unha droga para o espírito, no meu caso foino sobre Ferrol e a súa comarca, un lugar tan necesitado sempre dun alento positivo. A satisfacción dunha boa reportaxe ou dunha entrevista non se paga con todos os cartos da Gürtel, do caso Nóos ou da operación Lezo. E non cambiaría ter coñecido a moita xente que coñecín, poden imaxinalo, por irme de vacacións á neve con Marcial Dorado, incluso por seren conselleiro de Red Eléctrica.   

Descoñezo cal será o futuro da prensa libre, gurús hai que levan anos falando de formatos, redes e organización varia. O que teño claro é que o xornalismo é a trabe dunha sociedade democrática, non é retórica, e o trato a ela, a proba do algodón da saúde do sistema. Non só, pero con máis razón nos medios públicos tan denigrados hoxe. Cando a realidade é tan desagradable para tantos temos dereito a que non nos enganen, e menos quen debe estar ao noso servizo. 

Pero teñamos esperanza. O bo xornalismo sempre aboia, é como a poesía, escápase ao control, ao poder, á mentira. Desenmascara os eufemismos, a retórica tramposa, e nos confronta coas nosas miserias, e coas nosas virtudes tamén.  É un traballo que hai que facer e as máquinas non van protagonizar ese labor. Oxalá sexa a filla do meu amigo, como foi José Couso, como é Xosé Hermida. Ata sempre!

Nicolás Vidal
Xornalista