Un de cada tres reporteiros de guerra padece estrés postraumático

Un de cada tres reporteiros de guerra padece estrés postraumático tras ter cuberto informacións sobre algunha traxedia, segundo unha investigación do "Dart Centre for Journalism and Trauma", feita pública onte polo seu director para Europa, Mark Brayne.
Nunha mesa redonda sobre "O xornalista fronte á traxedia", organizada pola Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), Brayne explicou que os accidentes, incendios, asasinatos, guerras ou desfeitas naturais orixinan "escenas traumáticas que perduran na memoria colectiva", polo que "é responsabilidade do xornalista darlles un tratamento informativo diferente".

Segundo o profesor e xornalista Brayne, "cando estala unha bomba", os profesionais que van para ela en vez de saír fuxindo "son os corpos de seguridade, os sanitarios e os xornalistas", e "estes últimos son os únicos que non están formados para afrontar esas situacións".

"Igual que o xornalista deportivo coñece as regras do xogo" do partido que vai cubrir, debería ocorrer o mesmo cos xornalistas de sucesos ou correspondentes de guerra porque, segundo engadiu, "se están preparados para o trauma, entón non sufrirán danos irreversibles".

O desafío persoal de Brayne é ensinar ós xornalistas a tratar e informar destas situacións, porque "farán mellores entrevistas se toman conciencia da situación das vítimas, en vez de lles preguntar como se senten".

"A humanidade por diante"

O xornalista, que foi correspondente de guerra durante a Guerra Fría, asegurou que "pondo a humanidade por diante" se poderían evitar erros como cambiar a historia "para que se adapte ó estereotipo que queres narrar", facer preguntas "cuxas respostas poderías ter pescudado doadamente" ou non tomarse "un par de minutos para crear unha mínima relación de confianza coa vítima".

De acordo coa súa experiencia, os comunicadores sofren problemas de concentración, de memoria, alteracións do soño, pesadelos, irascibilidade ou aversión a estar cos amigos como unha "reacción humana normal a unha experiencia traumática".

"A solución non é ir ó psicólogo, nin medicalo", senón que "necesitan comprensión, un contorno de apoio social, e despois mellorarán", engadiu.

ESTRELLA DIGITAL/EFE
MADRID