Un estudio analizará os primeiros diarios editados en Galicia

O secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, asinaron esta mañá un acordo de colaboración para a elaboración dun estudo sobre os primeiros diarios editados en Galicia e a edición facsimilar dos mesmos.
A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta compromete unha achega de 20.000 euros para financiar este traballo de investigación que realizará a sección de Comunicación do Consello da Cultura.

Segundo manifestou Fernando Salgado, dende a Xunta decidiuse asinar este acordo de colaboración porque considera "de interese" avanzar no coñecemento da historia da comunicación moderna en Galicia, que é, ao tempo, "reveladora sobre boa parte da historia de Galicia do século XIX".

Salgado lembrou que os xornais chegaron de maneira tardía a Galicia, xa que non foi ata o século XIX cando apareceron os primeiros diarios, facendo deste século o do "imperio absoluto da prensa escrita", no que, ademais, no último cuarto, apareceu O tío Marcos da Portela como primeiro diario en galego.

Ademais, o responsable de Comunicación do Goberno galego incidiu en que foi no século XIX cando xurdiron os grandes diarios galegos como o Faro de Vigo, decano da prensa española, El Correo Gallego ou La Voz de Galicia, e destacou que "seguramente ningunha outra autonomía ten tantos diarios centenarios como Galicia".

Dado que o Consello da Cultura Galega conta cunha sección de Comunicación, mantén unha liña de traballo dirixida á recuperación das primeiras publicacións da historia de Galicia e nos últimos anos vén realizando distintas investigacións relacionadas coas orixes do xornalismo na comunidade galega, a Xunta considerou necesario e oportuno proceder á sinatura do presente acordo con esta institución.

A Secretaría Xeral de Comunicación comprométese a facilitar a colaboración e asistencia aos grupos de traballo dos profesionais do xornalismo dependentes do centro xestor. Así mesmo, financiará cun total de 20.000 euros esta iniciativa.

Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega asumirá a coordinación técnica e científica para a confección do documento; elaborará un estudo sobre os primeiros diarios de Galicia; procederá á realización dos traballos de preparación da edición facsimilar; editará un monográfico sobre o contido do estudo e procederá á publicación na revista Estudos de Comunicación dos resultados da investigación.

Para o seguimento do acordo, crearase unha comisión mixta paritaria, formada por dous representantes designados pola Secretaría Xeral de Comunicación, un dos cales actuará como presidente, e dous representantes designados polo Consello da Cultura Galega.

Prevese que antes de que remate o ano estean rematados os traballos de investigación e divulgación sobre o Diario de Santiago e o Diario da Coruña, obxectos do estudo, e que a partir de entón se publicará a edición facsimilar dos mesmos.

XORNAL
SANTIAGO DE COMPOSTELA