Unha xornalista serbia pide ser recoñecida como refuxiada política en Albania ó sintirse ameazada no seu país de orixe

Unha cidadá serbia pediu ser recoñecida como refuxiada política en Albania ó sentirse ameazada no seu país de orixe, informou onte a prensa albanesa, que cualifica o caso como "inusual".
Radica Petrovic, unha xornalista de 47 anos, presentou o luns a solicitude ante os máis que sorprendidos axentes da policía raiana albanesa ó entrar nese país desde a contravertida provincia serbia de Kósovo. A muller asegura sintirse ameazada en Serbia por ter escrito artigos contra o goberno de Belgrado.

"Pensando que Albania é un país democrático, decidín refuxiarme aquí", dixo Radica ós axentes no posto raiano de Kukes, norte de Albania, citados onte pola prensa albanesa.

A policía tomou con reservas as súas declaracións e espérase que se traslade a Tirana, ó centro nacional dos refuxiados para iniciar as investigacións sobre a súa persoa.

As relacións entre serbios e albaneses na antiga Iugoslavia eran moi tensas e culminaron en 1999 na guerra de Kósovo, que afectou tamén á veciña Albania pola entrada de centos de miles de albano-kosovares a ese país.

ESTRELLA DIGITAL/EFE
MADRID/TIRANA