Vocento reclama un Estatuto da Redacción que sirva para todas as empresas do grupo

Os traballadores de Vocento acordaron nunha reunión plenaria dos seus representantes sindicais encargar ós xornalistas de 'El Diario Montañés' un proxecto de Estatuto de Redacción que poida aplicarse a todas as empresas do Grupo.
No marco do XXII plenario de comités de empresa de Vocento, celebrado en abril en Madrid, acordouse así mesmo mostrar o respaldo ó Estatuto da Profesión Xornalística que se está a tramitar nas Cortes e emprazar ós deputados a que aproben o texto antes da fin da lexislatura.

A Coordinadora de Comités de Empresa de Vocento considera inaceptable o acoso e as agresións ó que determinados medios de comunicación están a someter ó Grupo Vocento coa repercusión que iso ten ou poida ter nos postos de traballo.

No apartado de negociación colectiva, acordouse intensificar os contactos para que todas as empresas de Vocento, especialmente as televisións locais, radios, produtoras e Internet, se doten dos instrumentos de negociación colectiva necesarios para regular a súa situación laboral e pór couto á precariedade.

Neste sentido, considérase de vital importancia a necesidade de chegar a acordos que regulen a situación laboral das empresas multimedia do Grupo e, polo tanto, expresouse o apoio ós pasos nesa dirección que se están a dar en Editorial Cantabria e Canal 8 DM, que xa conta con claros referentes en canto a convenios de televisión local de ámbito empresarial se refire.

Así mesmo, recomendouse a exclusión do criterio económico do Ebitda como parámetro determinante dos incrementos salariais que se pacten nos convenios, a non ser que ditos pactos inclúan expresamente, e para todos os anos de vixencia do convenio, un aumento salarial superior ó acordado en convenios anteriores.

Na Convención falouse tamén de formación e nas conclusións aléntase ós representantes dos traballadores a que insten ás empresas a negociar no seu ámbito o proxecto de formación acordado coa dirección de Vocento, así como facer un chamamento ós traballadores para que participen activamente nos cursos de formación que se acorden, posto que se trata dun medio de adquisición de coñecementos importante para mellorar a súa cualificación profesional.

Noutra iniciativa recoméndase pór en mans das inspeccións laborais de cada territorio toda a información dispoñible sobre dereitos de autor para facer cumprir a Lei de Propiedade Intelectual e evitar o emprestitismo laboral. Así mesmo, se mandata ás direccións das organizacións sindicais para que traten de negociar con AEDE unha saída satisfactoria a este problema.

Os traballadores de Vocento manteñen a oposición á segregación das plantas de impresión, pero naqueles casos en que xa exista propoñen a negociación e sinatura dun convenio colectivo de plantas de impresión do Grupo Vocento e empresas participadas que eviten a diferenza salarial que se produce en cada unha delas como consecuencia da coexistencia de condicións laborais distintas.

O Plenario recibiu información de expertos en xubilacións parciais e dos seus asesores sobre a última normativa acerca das xubilacións parciais e contratos de remuda a fin de o ter en conta á hora da acción sindical en cada empresa.

O Plenario expresou unha enorme inquedanza o proxecto de información centralizada e páxinas comúns que quere pór en marcha Vocento polo que supón de risco para un importante número de postos de traballo e que podería implicar a desaparición de determinadas empresas, polo que fará un seguimento ó proceso e esixirá toda a información ó respecto.

Reiteran tamén que non existe obriga legal algunha de traballar nas multimedias do Grupo, cuestión que tamén comparte a dirección de Vocento, polo que procede denunciar aqueles intentos de obrigar ós traballadores de determinadas empresas a que se poñan a disposición dos responsables doutras.

A próxima reunión da Coordinadora de Comités de Empresa de Vocento terá lugar en Toledo os días 13, 14 e 15 de novembro.

PERIODISTAS-ES
JLVC
MADRID