Voluntarios completan a tradución do Firefox 2.0 ao galego en tres meses

Tres meses despois do seu lanzamento internacional, a versión 2.0 do navegador Firefox xa está dispoñíbel en galego.O máis relevante é que foi o esforzo de voluntarios, baixo o paraugas de Mancomun.org, o que permitiu a rápida tradución desta ferramenta, cada día máis popular entre os internautas. Na actualidade, en torno a un terzo dos usuarios empregan a principal alternativa libre ao Microsoft Explorer.
Mancomun.org informa que, neste intre, está dipoñíbel o 100% da interface e parte da axuda. A iniciativa pública galega a prol do software libre agarda ter lista a versión completa "en breve".

Ademais, indica que espera que a Fundación Mozilla lle dea o visto bo oficial proximamente. A falta destes pasos, o certo é que o paquete publicado hoxe xa permite aos internautas navegar en galego sen problemas.

Espectacular crecemento do Firefox

Segundo datos da W3schools o uso do Firefox disparouse nos últimos anos. Así, o 5% dos internautas empregábano a comezos de 2004, e hoxe son xa máis do 31%.

O veloz ritmo de creación de novas funcionalidades é unha das vantaxes dos programas abertos sobre os seus rivais propietarios, como o Explorer. Así, para a tradución do Firefox non se necesitou permiso algún da Fundación Mozilla, que promove o seu desenvolvemento. Abondou o traballo dos voluntarios galegos a través de Etrans, a aplicación de colaboración en liña de Mancomun.org.

FWWWRANDO