Edita vídeos profesionais co móbil

O Col·legi de Periodistes de Catalunya organiza o curso online Edita vídeos profesionais co móbil, que se desenvolverá do mércores 11 de novembro ao venres 11 de decembro. O curso, dunha duración de 8 horas, ten prezo reducido para colexiados e colexiadas do CPXG.

O obxectivo deste curso é conseguir que as gravacións co móbil deixen de parecer amateurs, aprendendo a elaborar pezas con calidade profesional. Dominando as aplicacións e técnicas adecuadas, cun smartphone pódense producir vídeos de excelente calidade, equiparábel á obtida cun equipo de gravación profesional.

O curso terá un formato eminentemente práctico. Combinarase a exposición teórica a través de vídeos gravados e materiais en diferentes soportes, coa realización de exercicios por parte do alumno que consistirán na produción dun vídeo, utilizando as apps recomendadas durante o curso.

O curso estará impartido por Jordi Flamarich Zampalo, xornalista e consultor en comunicación dixital, especializado en novas formas de narrativa e contidos para dispositivos móbiles. Desenvolveu toda a súa carreira profesional no ámbito de internet e as novas tecnoloxías, xa sexa escribindo sobre a rede en medios de comunicación escritos ou ben como responsábel de medios dixitais. Como docente, formou en xornalismo móbil a redaccións e xornalistas de España e América Latina, ben como dá regularmente cursos de capacitación e uso de tecnoloxía móbiles en medios profesionais. 

En virtude dos acordos da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, o Col·legi ofrece aos colexiados e colexiadas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e do resto de colexios a posibilidade de seguir este curso online nas mesmas condicións que teñen os membros do Col·legi de Periodistes de Catalunya, cun prezo de 56  euros.

Para beneficiarse do prezo reducido é necesario seleccionar, no momento de facer a inscrición na web, a opción de prezo correspondente á Rede de Colexios. A posteriori, cómpre enviar por correo a cfd@periodistes.cat unha foto do carné de colexiado para certificar a pertenza ao Colexio.

Nota legal:

A persoa que envía o correo electrónico cos datos requiridos anteriormente declara que voluntariamente comunica ao COL·LEGI DE PERIODISTES DE CATALUNYA (en diante CPC) para incorporalos na base de datos da Entidade, xa sexa en soporte papel, informático ou outros, o cal obriga ao CPC a gardar segredo profesional con respecto aos datos que lle foron cedidos, coa finalidade de dar resposta á solicitude de inscrición que a persoa remitiu, e a enviarlle información sobre o desenvolvemento do curso ao cal se inscribiu e de cursos de formación futuros.Así mesmo, autorízalle a tratar e almacenar estes datos segundo as medidas de seguridade establecidas no Regulamento Europeo 679/2016, de 27 de abril, de Protección de Datos.

O usuario ha de saber que encher o formulario e enviar os datos solicitados implica que a información reflectida neste aviso foi lida e aceptada expresamente e que en consecuencia, outorga o seu consentimento inequívoco e explícito ao tratamento dos seus datos persoais conforme á finalidade explicada. De conformidade cos artigos 15-22 do mencionado Regulamento Europeo de Protección de Datos, o CPC informa que a persoa que asina pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, portabilidad, esquecemento e limitación ao tratamento dos seus datos en calquera sede do CPC. Para máis información, pode consultar a Política de Privacidade do CPC en: www.periodistes.cat/politica-de-privadesa