Balance de Reporteiros sen Fronteiras: 74 xornalistas asasinados, 400 retidos e un desaparecido no 2016

Número de xornalistas profesionais asasinados por ano dende 2006 (Foto: RSF)

Reporteiros sen Fronteiras vén de publicar o seu Balance Anual 2016 sobre a situación do xornalismo no mundo. O relatorio contabiliza 74 comunicadores asasinados, 348 detidos, 52 tomados como reféns e 1 desaparecido no que vai de ano.

Reporteiros sen Fronteiras (RSF) vén de publicar nas últimas semanas o seu Balance Anual, que recolle o número total de xornalistas asasinados, secuestrados, encarcerados e desaparecidos. Durante o ano 2016, a organización contabilizou 348 xornalistas detidos, 52 tomados como reféns e 1 desaparecido, ademais dun total de 74 comunicadores asasinados en todo o mundo. O balance deste ano toma en conta, como novidade, aos xornalistas cidadáns para o cómputo total, ademais dos profesionais.

O balance sobre xornalistas asasinados recolle un total de 74 mortos no ano 2016, dos cales 21 morreron no exercicio da súa profesión e 53 foron asasinados deliberadamente por causa do seu traballo. Os países máis mortíferos para os comunicadores foron Siria (19 xornalistas asasinados), Afganistán (10), México (9) Irak (7) e o Iemen (5). Aínda que o número de comunicadores asasinados descende con respecto ao 2015, no que foron 101 os xornalistas mortos, RSF advirte de que "este significativo descenso se explica polo feito de que cada vez máis xornalistas foxen dos países que se volveron demasiado peligrosos: Siria, Irak, Libia, o Iemen, Afganistán, Bangladesh e Burundi convertéronse en buratos negros da información, nos que reina a impunidade". Desde 2006, polo menos 780 profesionais da comunicación foron asasinados pola súa profesión.

No que fai ao número de comunicadores e comunicadoras retidos, prodúcese un aumento con respecto ao ano pasado. Os 348 xornalistas encarcerados representan un 6% máis que os contabilizados no 2015, unha tendencia alcista que é aínda maior no caso dos profesionais da comunicación, cun 22%. Nestas cifras ten un papel especialmente relevante Turquía, onde o número de comunicadores presos cuadriplicouse pola represión posterior ao intento de golpe de Estado de xullo, chegando a superar o centenar. Tras Turquía, os países con máis xornalistas encarcerados son China (con 103), Siria (28), Exipto (27) e Irán (24).

A estes xornalistas presos cómpre engadir 52 tomados como reféns en Siria (26), no Iemen (16) e en Irak (10), o que supón un 15% menos que o ano pasado, no que as cifras acadaron niveis moi altos. Destes comunicadores secuestrados, un total de 21 encóntranse en mans do autodenominado Estado Islámico e outros 15 en mans dos Hutís do Iemen. Ademais, o relatorio de RSF recolle un único caso de xornalista desaparecido, o do burundés Jean Bigirimana, en paradeiro descoñecido desde xullo. A organización mantén aberta unha petición para solicitar ás autoridades de Burundi a abertura dunha investigación independente. 

CPXG