Cristina Díaz Pardo e Rubén Rodríguez: "A pandemia dificulta unha información especializada cubrindo as fontes"

A pandemia ten un impacto económico de extraordinarias dimensións, e iso percíbeno ben no xornalismo especializado. Cristina Díaz Pardo e Rubén Rodríguez traballan desde 2012 en Economía Digital Galicia, un medio electrónico especializado en información económica. Díaz Pardo conta con experiencia na radio e na prensa, cunha etapa en comunicación institucional no Concello da Coruña, mentres que Rodríguez se dedicara con anterioridade á comunicación cultural. Tras case unha década no xornalismo económico, conversan con nós sobre ao fío da COVID-19, da transformación da profesión e do seu papel nun momento tan determinante como este.

–Como impacta a pandemia no xornalismo económico?

Rubén: É moi parecido á crise de 2008. Daquela repetíase continuamente o titular “a crise leva a tal empresa á creba”, ou “a tal empresa vaille ben a pesar da crise”. Agora é igual pero achacado á pandemia. Hai moito máis volume de información, pero moito máis aburrido porque sempre estás nas mesmas claves. 

Cristina: Si, para un medio económico foi volver á crise de 2008, ata o punto de que agora non ves un titular en economía que non leve o termo ‘pandemia’. Para min, a pandemia acelerou crises que xa existían e que estaban adormecidas. En Galicia xa había unha crise industrial que sabiamos que se ía acrecentar: Alcoa, Alu Ibérica, tamén o naval; toda esa crise latente dispárase coa pandemia. Significou para os medios económicos moitísimo máis traballo, con titulares que non quereríamos dar. 

–Cales percibistes que eran os aspectos que máis preocupaban? 

Rubén: Preocupaba a saúde. A primeira necesidade foi ter algún tipo de certeza. Era máis interesante preguntar ás multinacionais, no noso caso Inditex, porque tiñan presenza na China, ou Calvo e Jealsa, con filiais en Italia, para saber algo máis. No primeiro estado de alarma, no que parou todo excepto as actividades esenciais, non houbo un cuestionamento forte, porque era como unha defensa común ante moitas incertezas. Despois, foron os ERTEs, as axudas europeas... Quizais o que máis preocupou era sobrevivir, tamén a nivel económico. Canto vai durar isto? Isto é unha pausa para continuar? Probablemente nos próximos anos teñamos noticias de colapso de moitas empresas, sobre todo nalgúns sectores nos que a pandemia acelerou un tempo de transformación económica, de mutación… O novo aínda non está e o vello aínda non sabemos como matalo. É o que pasa nas Pontes ou no aluminio, por exemplo. 

Cristina: Hai dous momentos que están marcados pola propia precarización económica. Nun primeiro momento, o que preguntaban os traballadores era pola súa saúde. Hai un ano tiñamos problemas para que Galicia tivese máscaras, falta de EPIs... Andando a pandemia, e relacionado con esa sensación de cansazo, é cando caes na conta de que a pandemia está levando por diante non só moitas vidas, senón a nosa forma de vida, o noso futuro económico. Un dos sectores máis claro é o da hostalaría. 

"Andando a pandemia, caes na conta de que está levando por diante non só moitas vidas, senón a nosa forma de vida, o noso futuro económico"

 

–Foi ver que era unha crise a longo prazo, cambiou o foco. 

Rubén: Claro, eu víao como un catarro forte e que rapidamente volveriamos á normalidade. E no ámbito político e no empresarial foron máis conscientes xa nos dous primeiros meses. Tras as primeiras restricións duras, acométense investimentos para facilitar o traballo e prepáranse para convivir co virus durante moito tempo.

–Como afecta á hora de facer información económica que require dunha profundidade, a situación de liorta política permanente tan intensa? 

Cristina: Aí os medios temos que facer unha distinción. Por exemplo, na crise de Alcoa vén de moitos anos atrás. No 2013-2014 xa diciamos que Alcoa marchaba polas tarifas eléctricas do Estado e en todo este tempo houbo unha liorta política á marxe. Temos que recollela, pero temos que apartala, contela, porque despois hai unha información que temos que dar: o tema de Alcoa non vén só polo estatuto electrointensivo. No caso de Navantia, de Ence, das Pontes, non podes separalo da liorta política; temos que recollelo pero sendo rigorosos e sen deixar de dar información máis fría das causas que sobrepasan o ámbito político e que teñen que ver coas crises. 

Rubén: Tes que facer un esforzo por non comprar o argumentario político, nun escenario tan fragmentado e no que o propio sistema de medios foi ocupar certos espazos da trincheira ideolóxica. Os políticos ás veces din cousas interesantes, outras repítense e outras non teñen ningún interese, e non tes a obriga de recollelo. Sobre os fondos de reconstrución paréceme que non hai transparencia das institucións. Os proxectos de Galicia ímolos sabendo cando o presidente da Xunta dá unha rolda de prensa e os anuncia, cales son as empresas, dúas liñas sobre o proxecto e canto investimento prevé mobilizar. Tampouco coñecemos moi ben cales son os criterios de selección, quen xulga que proxectos son merecedores ou non, cal é o enfoque holístico, como estruturan unha cadea de valor para un territorio... 

"Tes que facer un esforzo por non comprar o argumentario político, nun escenario tan fragmentado e no que o propio sistema de medios foi ocupar certos espazos da trincheira ideolóxica"

 

Cristina: Se falas cos traballadores, cos sindicatos, que están pendentes de recibir osíxeno cos fondos de reconstrución, é o que din, moi pouca información. Os fondos europeos tamén nos obrigan ás e aos xornalistas a saír da nosa zona de confort e a aprender máis. Por exemplo, están xurdindo fábricas de hidróxeno verde por todas partes, pero falas coas propias empresas e dinche que aínda está nun estado moi inicial, recoñecen que non se sabe a viabilidade económica que vai ter, que non serán rendibles no inmediato. Non nos podemos deixar levar pola política de titulares, imos ter en España moitos proxectos ligados ao hidróxeno verde pero, realmente que vai supoñer isto, canto empregos van xerar a longo prazo, que rendibilidade van ter? Temos que formarnos máis para dar unha información que sexa non só veraz, senón real do que van supor estes investimentos. 

–Non deixarnos fascinar pola innovación cando carecemos da información científica. 

Cristina: Isto sobrepasa o ámbito económico. Hai un ano que as xornalistas estamos dando información sobre algo do que non temos coñecemento. Estamos informando sobre vacinas, incidencia acumulada... Coa crise da COVID, os medios vímonos a obriga de dar unha información mentres aprendiamos a lela. 

Rubén: A necesidade de ser máis precisos convive co cansazo de sobreinformación do tema, e iso temos que xestionalo, porque levamos un ano cun único tema. Estamos nun momento en que a pandemia nos sobra moitísimo. 

"A necesidade de ser máis precisos convive co cansazo de sobreinformación do tema, e iso temos que xestionalo, porque levamos un ano cun único tema"

 

–A OMS fala da infodemia, tamén cambiamos como consumidores de información, de consumir compulsivamente ata aborrecela porque todo é COVID. 

Cristina: Creo que esa saturación vai como as ondas da COVID. A partir do 12 de marzo, que é cando se produce a caída das bolsas, había esa necesidade tremenda de consumir información, os picos de visitas á web eran brutais. Logo foi caendo, tamén polo cansazo, pero noto que a demanda de información pandémica volve coas propias ondas da COVID. Antes do Nadal vías unha tendencia á baixa, pero cando volven os peches, as restricións horarias, volves ter esa demanda de información. 

Rubén: Segue sendo un tema principal, claramente. O primeiro momento foi triplicar as entradas na páxina; agora segue naquilo que afecta á vida diaria das persoas, ao teu traballo e as túas posibilidades vitais. Se hai dúbidas sobre a vacina, investigacións sobre medicamentos, continúan sendo temas moi demandados. 

–Un dos aspectos que ten máis interese son as empresas farmacéuticas, e vós xa viñades prestando moita atención a este sector. Como credes que se trasladou a información en relación coa seguridade sanitaria e as empresas farmacéuticas? 

Rubén: Hai dous elementos de contexto que por xustiza debemos reflectilos. As farmacéuticas non son as empresas que teñan a mellor fama do mundo, a maior parte da poboación pensan que fan cartos coa túa saúde e, evidentemente, ser rendibles é un dos seus obxectivos. O feito de que os accionistas significativos sexan case todos fondos de investimento, como Vanguard, Blackrock, tampouco axuda, están caricaturizadas. Segundo, non houbo un interese real en explicar como se fixo o desenvolvemento das vacinas. A información fundamental que demos foi se era efectiva ou non e cando ía estar lista. 

"Como xornalistas, lanzamos as informacións coa nosa perspectiva, pero cada quen adáptaa como pensa, no tema das vacinas é o máis claro"

 

Cristina: Ao principio da pandemia empézase a coñecer as empresas que están traballando nas vacinas ou en tratamentos efectivos. É o caso de PharmaMar, a antiga Zeltia, que está desenvolvendo o medicamento Aplidin. Nós vemos que esa información xera moitas expectativas, tanto nas persoas investidoras como daquela xente que necesitaba boas noticias, unha vacina, un medicamento. Unha persoa pode sentirse decepcionada porque tiña tantas expectativas en algo que non chegou tan rápido como pensaba. Cada persoa cando le unha noticia, interprétaa nas súas propias claves. Por exemplo, publicamos unha información sobre o caso de PharmaMar e Zendal, que están presididas por dúas persoas que son curmáns, o cal é curioso pero non deixa de ter unha lóxica xa que é unha familia moi vinculada ao sector biotecnolóxico; falabamos dunha saga que traballa por unha banda en producir un tratamento e doutra que fabricará a vacina de Novavax, e pode que a Sputnik V. Nas redes sociais foi usada por persoas claramente antivacinas, e outra xente que pedía máis investimentos e axudas para estas empresas. Nós, como xornalistas, lanzamos as informacións coa nosa perspectiva, pero cada quen adáptaa como pensa, no tema das vacinas é o máis claro. 

–Como cambiou o voso modo de traballar neste último ano? 

Rubén: Eu o que notei foi unha sobrecarga brutal de traballo, pecharte nunha burbulla de información sobre a pandemia, de moitísimas pezas ao día, sen ter moi claro cales son os teus respiros para desconectar diso. Non só polo teletraballo, que xa o facíamos antes, senón polo fluxo informativo. Foi unha perda de conciencia dos horarios laborais que aínda perdura, non estamos normalizados nin moito menos. 

Cristina: En xeral, falas con máis xornalistas e a sensación é esa, o que di Rubén. É unha pena para a profesión, pero espero que se recupere o contacto coa xente. Xa non hai roldas de prensa, agora como moito son por Zoom, se as hai. É moito máis difícil preguntar, a proximidade coas túas fontes, un off the record... A pandemia xera moita máis información e tamén fai moito máis difícil que poidas facer unha información especializada cubrindo as fontes. É difícil contar o que está pasando na rúa cando non vas á rúa, tanto polos fluxos de traballo como pola propia situación sanitaria. 

"Esta crise devolve a necesidade dos e das xornalistas, dignifica o sector, recorda esa función de informar de forma veraz á xente"

 

–Como credes que sae a profesión da pandemia? 

Rubén: Eu diría que mellor. A nosa profesión agora é moi diversa, moitos produtos que non son necesariamente xornalismo, pero penso que as características que tiveron as dúas últimas crises fai que teñamos uns coñecementos sobre temas en que estabamos verdes, economía e ciencia, e penso que nos pode facer mellores. Isto cadra cunha tendencia dos medios a ser unha cousa distinta, unha trincheira ideolóxica, a buscar un tipo de visita determinada que non ten que ver con dar unha información contexualizada,  en profundidade e exacta. Temos que convivir con iso, como co virus, vai depender do lector e de como escolla as súas fontes de información. 

Cristina: Eu non sei se mellor ou peor. É o que di Rubén, depende dos ollos de quen te le ou quen te escoita. Esta crise devolve a necesidade dos e das xornalistas, dignifica o sector, recorda esa función de informar de forma veraz á xente. Iso é importante e é unha inxección de orgullo para as xornalistas. Tamén é certo que que afrontamos unha crise, que os medios son empresas e que non son alleas á crise. No noso medio non houbo ningún recorte, ao contrario, medramos en compañeiras neste período, pero non está acontecendo o mesmo noutros medios. Non debemos esquecer que como empresas de comunicación, moitas dependen das axudas públicas, e iso implica que dificilmente o podes separar da liña editorial. Saímos distintos, iso si.  

ELIANA MARTINS