Os días 8 e 9 de abril do ano 2000, celebrouse en Santiago a Asemblea Constituínte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A partir dese momento, o CPXG deseñou o seu abano de servizos para membros e comezou a súa andaina. Foron moitas as accións que se levaron a cabo.
1. Emisión de comunicados
Os comunicados son pronunciamentos oficiais da Xunta de Goberno do CPXG cando se produce unha situación de indefensión dun xornalista ou un ataque directo á liberdade de expresión.
Desde o seu nacemento, o CPXG realizou comunicados denunciando diferentes problemas da profesión: situacións de precariedade, agresións a xornalistas, ataques contra a liberdade de prensa ou peche, nestes últimos anos, de diferentes medios de comunicación a causa da crise, entre outras cuestións.
2. Denuncias
As denuncias veñen propiciadas por dúas vías: a primeira é a intervención ‘de oficio’ da Xunta de Goberno do CPXG ante o que considera unha inxustiza ou situacións nas que a liberdade de prensa e a profesións vense en perigo.
Outra producese pola achega dun xornalista, colexiado ou non, dunha queixa ante unha situación de inxustiza profesional. No tempo de vida do CPXG atendeuse a máis de 50 denuncias. Algunhas delas foron levadas ao contencioso administrativo nun intento de defender a profesión do intrusismo.
3. Recursos de amparo
O Recurso de Amparo é a ferramenta que ten o colexiado/a para a defensa dos seus dereitos. Tal e como establece o artigo 10 dos Estatutos:
Todos os colexiados teñen dereito a solicitar o amparo da Xunta de Goberno para:
- Defender os seus dereitos profesionais diante das autoridades, entidades, empresas e particulares.
- Ser atendido diante duna situación de conflicto que ameace, por calquera razón, a continuidade do seu exercicio profesional…
4. Código deontolóxico
O 15 de decembro de 2008, a Asemblea Xeral do CPXG aprobou por maioría o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego que foi impreso e distribuido entre os colexiados/as, facultades e redaccións.
5. Informes e publicacións
O CPXG edita unha serie de publicacións propias, atendendo á súa vocación de servicio e investigación no eido da comunicación. Entre os traballos elaborados, atópanse distintos informes sobre a situación sociolaboral das e dos xornalistas galegos, sobre o uso do galego nos medios ou sobre cuestións de xénero relacionadas coa comunicación.
6. Intervencións
Como entidade de dereito público, creada por lei do Parlamento de Galicia que ostenta a representación legal dos xornalistas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia foi convidado a participar en comisións parlamentarias.
7. Cursos de formación
No obxectivo de mellorar exercicio profesional, o CPXG ten realizado numerosos cursos de formación, por toda a xeografía galega, sobre distintos aspectos da comunicación. Os distintos cursos, sempre de carácter gratuíto para as colexiadas e colexiados, tratan temas e ferramentas de actualidade para os e as xornalistas, nun ámbito necesitado sempre de constante actualización.
8. Xornadas e foros
Para tratar polo miúdo a relación de determinados temas co mundo da comunicación e o xornalismo, o CPXG, directamente, a través do Observatorio Galego dos Medios ou en colaboración con outras entidades, ten organizado numerosas xornadas e foros de discusión. Os estudos e reflexión sobre a comunicación teñen tamén o seu espazo no labor do Colexio.
9. Conferencias e Almorzos On/Off
A actualidade continúa a ser a preocupación principal das e dos profesionais da información. É por iso que o CPXG organiza tamén actos cos protagonistas ao fío da noticia, coa presenza de persoeiros en conferencias ou nos Almorzos On/Off, que levan realizándose desde 2005, nas demarcacións de A Coruña, Lugo e Ferrol, e nas que as e os colexiados poden desfrutar de encontros distendidos con persoeiros e protagonistas da actualidade.