A televisión en Galicia será xa 100% dixital o Venres Santo

Dossieres

O derradeiro acendido dixital galego coincidirá coa festividade do venres santo, de maneira que, á volta das vacacións moitos galegos poderían atoparse coa sorpresa de que xa non poden ver a televisión.

Por iso, a Xunta de Galicia recomendou onte mercar con antelación os decodificadores e non agardar ao último momento.

En rolda de prensa celebrada en Santiago de Compostela, o secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, lembrou que o vindeiro venres culminará en Galicia a terceira fase á conversión dixital, de tal xeito que só se poderán visualizar as canles se as vivendas están debidamente equipadas para iso, é dicir, se dispón de antenas adaptadas e dun descodificador dixital, ou ben externo ou ben integrado no equipo televisivo. Cabaleiro insistiu en que o apagón analóxico se producirá en días festivos, o que imposibilitará o cidadán galego a acudir aos establecementos para adquirir o aparello necesario.

Un millón de persoas afectadas

Un total de 932.330 persoas de 76 concellos das provincias de Lugo e Pontevedra incorporaranse o venres á TDT na que constitúe a última xornada de apagado analóxico en Galicia e en España.

Estes cidadáns sumaranse así aos case 300.000 que durante a terceira fase de apagamento analóxico se incorporaron á TDT nas áreas de Domaio e O Páramo e ao millón e medio de galegos que xa acceden á televisión dixital dentro das fases I e II, rematadas o pasado 18 de xaneiro.

"A partir do día 2 toda Galicia será dixital", indicou o subdirector xeral de Enxeñería e Planificación, Ignacio Otero, que alertou, ao igual que Alfonso Cabaleiro das "datas complexas" nas que se desenvolverá a última xornada, no medio da Semana Santa e sen posibilidade de realizar ese mesmo día arranxos técnicos nin comprar decodificadores, polo que animaron a poboación a que o faga estes días.

"Houbo, hai e haberá problemas"

"Houbo, hai e haberá moitísimos problemas", indicou Alfonso Cabaleiro, ao tempo que recordou que lle "parecía incrible" que a Xunta puidera "levar a cabo todo o traballo en dous meses". Na súa opinión, este proceso desenvolvido con incidencias menores ás esperadas "rompe a lenda negra de que os galegos non se adaptan á tecnoloxía", en primeiro lugar porque as instalacións foron feitas dende o primeiro momento con "tecnoloxía galega".

XORNAL

Documentación