As radios contra o canon

Dossieres

As principais voces da radio deportiva española escenificaron onte nunha conferencia de prensa conxunta en Madrid a súa unidade contra o canon que pretende impor a Liga de Fútbol Profesional (LFP) aos operadores radiofónicos para que poidan informar dos partidos de Primeira e Segunda División desde os estadios.

Manu Carreño (Ser), Chema Abad (RNE), Paco González (Cope), Javier Ares (Onda Cero) ou José Antonio Abellán (Punto Radio) consideraron "innegociable" o canon, arremeteron contra Mediapro, a compañía presidida por Jaume Roures que explota os dereitos audiovisuais do fútbol, e anunciaron que solicitarán reunirse co Goberno.

Carreño sinalou que a posición da LFP é "absolutamente indefendible". Ao seu xuízo, aos xornalistas ampáraos o dereito constitucional á información e non lles afecta a lei audiovisual aprobada o ano pasado, que, segundo o director de Carrusel Deportivo, fai referencia exclusivamente aos dereitos televisivos. "Cada fin de semana preténdese furtar o dereito á información dos 8 millóns de oíntes que escoitan a radio sábado e domingo", afirmou Carreño, que eloxiou o comportamento dalgúns clubs, como o Betis ou o Sevilla, que deixarán entrar aos operadores radiofónicos a pesar das "ameazas" da Liga. Segundo o responsable de Carrusel, os clubs de Segunda División que permitan a entrada das radios foron advertidos de que se enfrontan a multas de 660.000 euros, mentres que os de Primeira, a sancións de dous millóns de euros. Carreño declarou que algúns clubs non anunciaron publicamente que autorizan a entrada aos estadios dos operadores radiofónicos "polas ameazas que recibiron da LFP e Mediapro".

Abad, director de Deportes de RNE e de Tablero deportivo, dixo que a narración dos partidos en televisión non ten nada que ver coa da radio, que ofrece unha visión subxectiva do xogo. "Queren meternos a todos no mesmo saco", manifestou, negando calquera posibilidade de negociación. "Nin por 50 céntimos de euro imos negociar o dereito á información".

Ares considerou que a postura da Liga é algo "obsceno" e criticou duramente aos máximos dirixentes do fútbol español, aos que cualificou de "secuaces de Mediapro". En opinión de González, responsable de Tiempo de juego, a proposta da LFP "pon en perigo postos de traballo e abre a porta a un desenvolvemento monopolístico" porque as emisoras pequenas, por falta de recursos, veríanse obrigadas a deixar de emitir os partidos desde os estadios. Abellán foi a voz discordante. Na súa opinión, a nova lei audiovisual deixa físgoas para impor o canon, "e isto non pasaba coa lexislación de 1997".

Os operadores de radio van solicitar unha reunión co secretario de Estado de Comunicación, Félix Monteira, para expor as súas demandas. Consideran que é un asunto que só pode ser abordado e solucionado desde o Goberno ou o Parlamento, cambiando a lexislación vixente.

Afeitos recibir cantidades millonarias pola venda dos dereitos televisivos, a Liga aspiraba a incrementar os seus ingresos recadando fondos das radios. Xa intentou esta xogada a patronal do fútbol en 1994, cando quixo cobrar dereitos radiofónicos. Entón, as cadeas realizaron investimentos para adecuar as cabinas dos comentaristas e as liñas microfónicas. Pola súa banda, os radiodifusores proclaman que o conflito non é tanto de carácter económico como de dereito á información; ampáranse no artigo 20 da Constitución que garante o dereito á información dos cidadáns. No entanto, prodúcese en pleno terremoto económico. Nos seis primeiros meses do actual exercicio, a radio facturou 220,9 millóns de euros, fronte aos 225,8 do mesmo período de 2010, segundo os datos da consultora InfoAdex. A caída dos ingresos nas últimas tempadas foi espectacular (en 2007 o investimento de todo o ano superou os 678 millóns) e conduciu ao sector á maior crise publicitaria de todos os tempos.

Roures cifrou en 100 millóns de euros o que a radio obtén grazas ao deporte estrela e a Liga aspira a que os operadores radiofónicos contribúan cunha porcentaxe (en torno ao 20%) do que recadan.

ROSARIO G. GÓMEZ
MADRID

Documentación