Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e voluntariado
Na sociedade actual, que se caracteriza por un crecemento do consumismo, medra tamén a preocupación altruísta de amplos sectores da sociedade por outros máis necesitados.
Trátase dun movemento que se recoñece co nome de voluntariado, ONGDs, Terceiro Sector ou outros e que xeralmente se nutre de traballo non remunerado. Debera existir, polo tanto, un compromiso permanente coa información destes colectivos nos medios de comunicación. Sen embargo, teñen dificultades para aparecer nos medios de comunicación, agás en circunstancias excepcionais e puntuais.
O xornalismo non se soubo adaptar con xeito a este fenómeno crecente, que segue sen ter o papel que lle corresponde nuns medios demasiado afeitos ás fontes oficiais. Existen unha serie de medidas, pois, que poden axudar a mellorar a relación entre os medios e o voluntariado:
Nos medios:
- Cómpre que canto antes existan xornalistas con especialización neste tipo de información, de xeito que poidan responder adecuadamente ás exixencias da sociedade. É preciso, tamén, que sexan os propios medios de comunicación os que realicen a tarefa de formar ós seus xornalistas neste tipo de temáticas. Ademais, o labor de formación xornalística e de especialización deberan ir aparellados por un compromiso coa profesionalidade por parte do xornalista. Os xornalistas deben ir máis alá do que acontece.
- As asociacións de voluntariado deben ser usadas como fontes con asiduidade, e non apenas cando haxa algún tipo de catástrofe social ou humana. É preciso rachar coa xerarquía tradicional das fontes, tanto con aquela que favorece as fontes oficiais como coa que unicamente dá entrada na información ás asociacións máis grandes. Ademais, a presenza das organizacións non pode verse reducida só á información do acontecemento, senón que se debe introducir tamén a súa opinión.
- O papel destas asociacións dentro do conxunto da poboación debe ser respectado. Os medios han ter que aprender a visualizar o seu traballo como redes organizacionais da sociedade civil e non apenas como un grupo de "xente boa" que axuda aos demais.
- As informacións sobre voluntariado están a miúdo baseadas na explotación dos sentimentos, primando criterios para a súa aparición como a inmediatez, a proximidade e a apelación aos sentimentos da audiencia. Porén, é preciso que a cobertura dos acontementos relacionados co voluntariado estea baseadas na continuidade, nos dereitos básicos de todos os seres humanos e na reflexión consciente, non na magnificación.
- O voluntariado é unha acción colectiva e organizada, non apenas a propia voluntariedade da persoa. Así, as personalizacións do acontecemento non pode pasar pola explotación dos sentimentos, senón pola presentación de exemplos.
- Os medios van ter que facer un esforzo para que temas como a cooperación para o desenvolvemento sexan tratados en máis ámbitos que o da noticia, cunha visión máis profunda. É precisa unha información en profundidade que contextualice e dea voz aos e ás protagonistas. Para que os lectores saiban comprender e interpretar o que pasa, é preciso que o xornalista lles presente as claves do proceso que desemboca nun suceso, transmitíndoas de xeito que se entendan as causas e consecuencias do mesmo.
Nas organizacións:
- As organizacións de voluntariado forman unha estrutura na que se estabelecen relacións de competencia polo mercado simbólico, e os medios de comunicación teñen un papel central nestas relacións. Por iso, sen necesidade de que a comunicación se convirta en márketing social, cunha información mercantilizada prexudicial a longo prazo para o Terceiro Sector, a relación cos medios é de certo esencial para o bo desenvolvemento do voluntariado.
- Non sempre as dificultades para a aparición da información sobre voluntariado parten dos medios. As organizacións tamén precisan unha mellora e, na medida do posíbel, unha profesionalización da súa política de comunicación. No caso das asociacións con menos recursos, a profesionalización, imposíbel por motivos económicos, deberá suplirse de xeito que non se produza un desleixo da comunicación.
- Para seren incluídas nas axendas diarias dos medios de comunicación, as organizacións deben aproveitarse da súa propia forza e non intentar cambiar e adaptar as dinámicas e rutinas nas que os medios están instalados. Máis alá de adaptarse a estes ritmos e rutinas, as organizacións deben tomar a iniciativa de complementar e documentar a información sobre os feitos, ofrecéndose ás e aos xornalistas como fontes cualificadas.
- O centro da mensaxe emitida polas organizacións cara aos medios non debe ser a propia entidade, senón a/as súas misión/s, posto que se dirixen a crear un determinado cambio, actitude, valor ou situación social. No entanto, de cara a manter a transparencia do traballo destas entidades, as organizacións deben de converterse no centro da mensaxe cando o que se someta a debate sexa o seu propio funcionamento interno. As máis das veces este tipo de información non constitúe noticia, máis é necesaria para o funcionamento correcto da organización.
- A comunicación debe cumprir, polo tanto, a función de transformación social e de xerar transparencia no traballo e na xestión das organizacións. É precisa unha ampla dose de honestidade na comunciación das organizacións, sen perpetuar falsas imaxes sobre as asociacións de voluntarias e voluntarios.
- Por último, é necesario que as organizacións aproveiten na maior medida posíbel as vantaxes que lles ofrecen as novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, xa que son unha das mellores ferramentas para difundir a súa mensaxe. E, na medida en que sexa posíbel, terían que aproveitarse delas para crear comunidades de información na rede.
- As TIC, porén, non democratizan de seu a comunicación. Cómpre facer un esforzo por saír do círculo vicioso do poder e reforzar unha comunicación alternativa, coa creación de vínculos entre colectivos que gozan de oportunidades e colectivos que non as teñen.
Afondando no traballo conxunto de medios e organizacións é como se pode avanzar na presentación de solucións para os problemas da sociedade aos que responde a aparición do voluntariado. Só co esforzo común pode conseguirse que, pola vía dun xornalismo social máis axeitado, se acade unha sociedade máis xusta e participativa.