Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e xénero

Recursos

Análise das ligazóns que existen entre os/as xornalistas, a cidadanía e a comunidade universitaria e dentro do Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social que organiza o Observatorio dos Medios.

O Foro sobre Comunicación e Xénero encádrase dentro do Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social que organiza o Observatorio dos Medios, coa intención de actuar profundizando na análise das ligazóns que existen entre os/as xornalistas, a cidadanía e a comunidade universitaria.

  • As mulleres son máis da metade da sociedade. Porén, só están presentes no 21% da información. Os medios de comunicación deberán ter un papel activo na visibilización das mulleres na sociedade fomentando a súa presenza como protagonistas da información en todas as áreas, comprometéndose na procura de fontes femininas para a elaboración da información e abordando os temas que afectan especificamente ás mulleres.
  • Os medios de comunicación deberán introducir de maneira transversal a perspectiva de xénero, que permite visibilizar as circunstancias que afectan a mulleres e homes de maneira específica e botar luz ás desigualdades de xénero que se manteñen na sociedade.
  • Os medios de comunicación deberán loitar pola erradicación dos estereotipos que redundan nun tratamento diferente de homes e mulleres nos contidos.
  • A linguaxe sexista é violencia simbólica contra as mulleres. Os medios deberán comprometerse coa incorpora-ción dun uso inclusivo da linguaxe.
  • Os medios de comunicación deberán comprometerse de xeito activo na loita contra a violencia sexista. Diferentes organismos ao respecto ofrecen recomendacións para abordar este problema social.
  • As empresas mediáticas deberán promover a igualdade nos diferentes chanzos da súa estrutura. Así mesmo, deberán adoptar medidas para solventar a fenda salarial existente entre mulleres e homes xornalistas, incorporar ás mulleres en todas as áreas do medio e favorecer a conciliación entre a vida laboral e familiar.