Recomendacións sobre o tratamento nos medios dos casos de violencia que afecten a menores

Recursos

Análise do tratamento das información relacionadas con menores, sobre todo naquelas que implican imaxes que poden supor humillación ou mesmamente feitos delituosos, a través das novas recollidas á volta da tunda de Escarabote.

Introdución

Na última semana de outubro do 2007, un menor daba a outro unha forte malleira no peirao da parroquia de Escarabote (Boiro). A noticia, que podía ter quedado apenas nunha agresión preocupante, mais sen demasiada trascendencia mediática, víase porén marcada por un dato significativo.

Mentres a malleira se producía, outro menor grababa en vídeo a escena e apoiaba ao agresor. Á semana seguinte, saltaba aos medios a noticia da existencia do vídeo e da súa circulación polos móbiles dos mozos e mozas da zona, até chegar ao coñecemento dalgúns pais e nais.

A existencia deste vídeo dá ao acontecemento unha nova dimensión á nova e pronto as imaxes da malleira agurgullan por moitos dos medios galegos e estatais, cun tratamento que desde logo non se presenta como o máis axeitado para un caso que implica a menores.

En efecto, como se ten repetido en numerosas ocasións, as exixencias de rigorosidade, responsabilidade e respecto aos dereitos á intimidade e a non proporcionar información fanse aínda máis necesarias no caso das informacións relacionadas con menores, nomeadamente se se trata de casos de violencia.

A difusión das imaxes da malleira que realizaron varios medios de comunicación constitúen unha clara violación destes principios, agravada polo propio feito de que as imaxes foran gravadas para buscar a máxima repercusión posíbel, polo que os medios se convirten nunha caste de caixa de resonancia da humillación do menor agredido e da fachenda do agresor.

Aínda máis: na outra cara da moeda, os propios agresores poden sufrir nas súas carnes un endurecimento do castigo ao realizaren os medios unha especie de xuízo pararelo e exixiren determinadas medidas punitivas (nomeadamente, o encerramento) no canto doutras posíbeis e quizabes máis axeitadas para este tipo de casos.

A publicación das imaxes (ademáis doutro tipo de faltas á rigorosidade e responsabilidade descubertas ao longo do informe) deseñaba, pois, un panorama no que toda a sociedade, especialmente os menores implicados, só podía ter cousas a perder. E esta situación continuou, ademais, ao longo de máis de dez días nos que saíron á luz outras imaxes semellantes e mesmo se producía a contradicción de que colaboradores xornalísticos criticaban a difusión das imaxes que unha e outra vez continuaban a reproducirse nos seus propios medios.

É nesta situación na que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, preocupado polo tratamento deste caso, encarga o catro de novembro ao Observatorio Galego dos Medios un informe do mesmo, a partir do cal facer unha reflexión sobre como debe o xornalismo encarar esta clase de fenómenos. O presente documento ven a responder a esa demanda, analizando, a través das novas recollidas á volta da tunda de Escarabote, aprofundar nos tratamentos actual e necesario das informacións relacionadas con menores, especialmente aquelas que implican imaxes que poden supor humillación ou mesmamente feitos delituosos.

Para a realización do presente documento peneiránrose as informacións relativas a este caso nos medios escritos e audiovisuais, prestando especial atención aos medios galegos, e incluíndo para alén deles os principais medios estatais. Dos primeiros realizouse unha pormenorizada análise por peza informativa, no entanto no caso dos medios estatais esta foi feita por medio, co afán de contrastar o tratamento dun caso que traspasou as fronteiras galegas.

Con este material, o Observatorio elaborou as conclusións que, recollidas en dez puntos, forman o presente documento. Con elas, pretendemos contribuír a que a información relativa a menores nos medios de comunicación galegos se sitúe dentro das pautas que deben ser exixidas para o desenvolvemento correcto da profesión e, máis importante aínda, á protección rigorosa dos dereitos dos e das menores implicadas.

Conclusións

Unha vez analizados os medios de comunicación galegos nos que aparece esta noticia, podemos resumir en varios puntos cales son os erros fundamentais do seu tratamento e cales deberían ser as actitudes axeitadas de cara a futuros feitos da mesma ou semellante índole:

1. Protección do menor, preservación da súa imaxe e dereito á intimidade, á dignidade e ao anonimato de todas as persoas implicadas. Ó longo da análise fomos vendo como a emisión continuada sen ningún tipo de escrúpulo, nin por suposto, salvagarda da identidade dos menores implicados (tanto do agresor, como do agredido) é unha constante no tratamento informativo desta nova. Se a emisión das imaxes do vídeo da agresión xa é, en por si, preocupante, éo máis non facelo garantindo o anonimato dos implicados (mediante unha pixelización, por exemplo). O dereito á intimidade (protexido pola Constitución Española) é violado de modo evidente polos medios de comunicación, que poñen á vista de todos o rostro da vítima e tamén do agresor (cómpre recordarmos, neste caso, que a presunción de inocencia tamén é un dereito constitucional que se debe de respectar, e que manter o anonimato do agresor non supón asegurar a súa impunidade, senón que o que se protexe é o mantemento da convivencia e a orde social). Pero o problema non reside tan só en mostrar as imaxes do vídeo, senón que a identificación do rapaz agredido se fai evidente cando as cámaras de televisión, os fotógrafos e os xornalistas entrevistan o seu pai, dando o nome completo e mostrando a cara (cando sería posible agachar a súa identidade a través de moi diversos recursos audiovisuais como poñelo de costas).

2. Evitar o sensacionalismo, a intromisión nos sentimentos e as especulacións sobre estes: Os medios de comunicación deberan fuxir do sensacionalismo predominante, sobre todo nos titulares, que en moitas ocasións non é máis do que unha esaxeración da realidade, que engade máis emotividade e empatía que información relevante. Hai ocasións en que mesmo os grandes titulares que apelan á sensación e a adxectivación da información non se corresponden coa información presentada a continuación. Os medios galegos caen con demasiada frecuencia na descrición de datos excesiva e detallada que non representa máis que a parte escabrosa e impactante da noticia (por exemplo, detallando as lesións da vítima ou narrando "ó milímetro" o desenvolvemento da agresión). Esta sensacionalización da información acada os niveis máis altos coa emisión continua das imaxes do vídeo da agresión, que non aportan un valor probatorio dos feitos, senón que se inclúen, case a xeito de "adorno" ou recurso audiovisual.

3. Rigorosidade na información e contraste dos datos. Evitar orientar as testemuñas: Outro dos erros claros nos que incorren os medios de comunicación é o de presentaren informacións nas que toman un maior protagonismo os sentimentos que os datos informativamente relevantes. Non se deben permitir comportamentos que traten de orientar as declaracións e afirmacións das testemuñas de cara a conseguir a información que dea máis xogo e fomente o sensacionalismo e o "amarelismo".

4. Dereito a non proporcionar información: Os medios de comunicación esquecen demasiado a miúdo que os protagonistas das noticias non sempre queren mostrarse en público. Semellan querer ampararse no seu dereito a informar ós cidadáns para conseguiren (ás veces a calquera prezo) unha exclusiva ou unha declaración.

5. Non alongar as informacións de modo inncesario: Outra das tendencias que se observa entre os medios de comunicación analizados é a de alongaren as informacións dando detalles ós poucos, ó estilo dos "reality shows" ou dos programas do corazón. Deste xeito, cando a información que xenerou a noticia deixa de ser importante ou interesante porque "caduca", os datos pouco relevantes e que non engaden ningún tipo de valor convértense no eixo da nova, para o cal é necesario, na maioría das ocasións, esaxeraren ou cualificaren estes aspectos para lles daren unha aparencia externa atractiva que chame a atención da audiencia.

6. Non implicar a terceiros: Os medios adoitan utilizar as voces non autorizadas de veciños e coñecidos para lle dar unha maior carga de veracidade ás información e ás testemuñas. Porén, débese coidar a relación coas fontes, procurando que estas sexan plurais e diversas, non só oficiais, senón tamén expertas, e desbotando os testemuños das fontes espontáneas (veciños, na meirande parte dos casos) que non aportan datos relevantes ou significativos para o desenvolvemento da información.

7. Realizar unha análise profunda e contextualizada: Á hora de afrontaren este tipo de informacións, os medios de comunicación toman o camiño máis doado e trátanas a xeito de casos illados, como unha peza máis da engranaxe da crónica negra. No entanto, débese reconducir esta situación cara un tratamento informativo no que prime a profundización, a rigorosidade e a contextualización, sobre todo por se trataren de temáticas moi complexas e que supoñen un problema serio de índole social. Non se poden despachar este tipo de informacións mediante pequenos bosquexos, senón que se deben de ter en conta as diversas perspectivas, antecedentes, causas e consecuencias para encaixar unha problemática como esta no entorno social e cultural no que se desenvolve.

8. Non facer xuízos paralelos: Os xornalistas non son non xuíces nin verdugos, polo tanto dében de absterse de realizar conclusións prematuras sobre os feitos que poidan acabar por prexudicar tanto á vítima como ó presunto agresor. Os medios de comunicación dében dedicarse a informar, non a dictaren sentencias ou resolucións ou a xeraren estados de alarma social e inestabilidade que acaben por influír no tratamento que o propio poder xudicial lle dea á vítima e ó agresor.

9. Non asediar á vítima: Cando as vítimas se agachan porque non teñen interese en saír nos medios e porque queren manter a súa intimidade, privacidade, dignidade e identidade, os medios de comunicación deben aceptar a súa decisión e buscar outros medios de testemuña rigorosos que lles axuden a afrontar as situacións. As gardas ante os domicilios das vítimas (e tamén dos agresores), ó xeito que fai a denominada "prensa do corazón" cos personaxes "famosos" non poden ter cabida nun xornalismo rigoroso, obxectivo, veraz e respectuoso. Moito menos cando o que se acaba por facer, á vista da carencia de imaxes da vítima, o agresor ou as familias, é amosar as imaxes dos domicilios particulares, o que supón outro dos modos de invadir a intimidade e a privacidade destas persoas sen o seu permiso.

10. Non publicar imaxes sen consentimento: Queda fóra de toda dúbida a falta de ética que implica mostrar imaxes como as do vídeo da gravación da agresión de Boiro, pero se ademais se fai en contra da decisión dos seus protagonistas, representa un problema moito maior aínda. Nas declaracións do pai da vítima non faltan nunca palabras de indignación ante o uso continuado e a emisión constante que fan os medios de comunicación das imaxes da malleira que sufriu o menor. No entanto, os medios continúan a mostrar unha e outra vez o vídeo, fomentando case un simple efecto de imitación (por aquilo de conseguir uns minutos de fama e notoriedade), máis que un valor informativo engadido.

Todas estas tendencias e erros aparecen tamén reflectidos nos medios de comunicación estatais recollidos na análise, ós que se lles fan as mesmas recomendacións que ós medios galegos.