'Xornalismo na Escola' continúa a súa andaina en Santiago e Brión

Obradoiro celebrado no IES de Brión o pasado martes (Foto: Pablo Santiago)

"Xornalismo na Escola”, a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar aos máis novos o xornalismo e os medios, leva este xoves, 30 de marzo, novos obradoiros ao IES Xelmírez I, de Santiago de Compostela, e ao IES de Brión.

O centro educativo de Santiago vai acoller dous talleres a cargo de Ángel Castro, o primeiro deles ás 9:20 e o segundo ás 11:20 deste xoves. Pola súa banda, no IES de Brión a xornalista Lucía Álvarez impartirá un obradoiro, ás 10.20 para o alumnado de 3º da E.S.O.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas como A Coruña, Betanzos, Ferrol, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía. 

Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa polo éxito obtido na edición anterior. Barcelona, Sevilla e Madrid, son algunhas localidades onde se veñen celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, aceptación e moi bos resultados.

CPXG