A Dirección de TVE cre que só fai falta 'cirurxía fina' para 'corrixir disfuncións'

O equipo directivo da Corporación RTVE está mans á obra. Despois dun mes escaso de xestión, o seu presidente, Luis Fernández, móstrase moi optimista cos traballos do Consello de Administración e o director de TVE, Javier Pons, considera que a cadea pública non necesita "un cambio radical senón cirurxía fina para facer axustes e corrixir disfuncións"
Os responsables de RTVE e TVE mantiveron o primeiro encontro coa prensa desde que se constituíse a Corporación, o pasado 15 de xaneiro. Durante a cita, Luis Fernández puxo de manifesto "a cordialidade, o entusiasmo e a eficacia" coa que, ó seu xuízo, traballa o Consello de Administración, que se reuniu xa en catro ocasións nas que houbo "moito debate, intensidade e capacidade de traballo" e nas que todas as decisións se adoptaron por unanimidade.

En canto á composición deste órgano administrativo aprobado polo Parlamento -catro conselleiros designados polo PP, dous polo PSOE, un por IU, outro por ERC, outro máis por CiU, e outros dous a proposta de UGT e CCOO-, Luis Fernández pediu "que se cambie o 'chip'" das disputas partidistas doutras épocas porque "non van votar en función do que se lles dite ou comunique".

En canto ó modelo de TVE que o novo equipo xestor pretende emprender, Luis Fernández sinalou que a súa intención é "xogar coa produción propia". Javier Pons engadiu que TVE é "a maior empresa audiovisual do país" e que á nova dirección lle gustaría "que fose a mellor". Porén, recoñeceu que na empresa "non hai guionistas nin directores", que é o que achegan as produtoras, aínda que, segundo dixo, "pouco a pouco, de dentro da casa terán que saír tamén esas ideas".

Neste sentido, Javier Pons sinalou que os cambios na cadea pública poderán comezar a ser percibidos polos espectadores "a partir de setembro". Ese será o momento, segundo dixo, no que o equipo poderá realizar a televisión que ten en mente.

Un dos seus obxectivos é "contribuír a que a televisión pública sexa unha cadea recoñecible", cos seus propios sinais de identidade, e para iso a xestión de todas as canles farase de modo global.

En canto á batalla das audiencias, Pons sinalou que TVE non loitará "polo liderado en si". "O rigor e a creatividade nos levarán a que cada vez se vaia sumando máis audiencia", subliñou.

Unha das primeiras medidas que a nova dirección puxo en marcha foi a convocatoria dun concurso de ideas entre os traballadores que permanecerá aberto ata finais de abril e que só nunha semana recibiu 67 propostas. Trátase de proxectos, segundo detallou Pons, de magacins, concursos e 'talk shows' presentados por realizadores, documentalistas, cámaras e redactores da Corporación.

De todos eles, a Dirección escollerá polo menos un programa que se emitirá en TVE no prazo de 12 meses, aínda que Pons se mostrou aberto a incluír todos aqueles que o merezan.

En canto a RNE, Luis Fernández recoñeceu que "necesita gañar oíntes e enmocecer a súa audiencia". Neste sentido, non explicou se haberá remuda na dirección que agora ocupa Javier Arenas e ha señaldo que traballa con el no "diagnóstico" dos seus males para conseguir que a radio pública "teña un papel activo, importante e moderno".

MADRID
EL MUNDO.ES
Charo Marcos