A Fegamp apoia o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística

O Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, o acordo impulsado polos colexios profesionais de xornalistas en defensa da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións, vén de ser subscrito pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que apoia a contratación de titulados e/ou colexiados nos gabinetes de prensa e anima aos concellos a mellorar as políticas de comunicación como unha ferramenta "fronte á contaminación informativa existente".

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de subscribir publicamente o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, o acordo en defensa do exercicio do xornalismo na administración pública que lle foi presentado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O documento, impulsado polos colexios profesionais de xornalistas, ademais de pór en valor o papel dos profesionais da comunicación, reclama a creación de postos de estrutura definidos claramente para a comunicación social e institucional, que sexa necesario ter o título universitario correspondente para realizar estas funcións e que as administracións apliquen estes mesmos criterios no caso de externalizacións.

Neste sentido, a Fegamp asegura que "comparte a corresponsabilidade das Administracións Públicas nesta materia, especialmente no marco da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, polo que, fronte á contaminación informativa existente nos distintos medios e soportes tecnolóxicos, avoga polos coñecementos académicos e deontolóxicos que os xornalistas adquiren durante a súa formación universitaria". Por todo iso, a federación "apoia a contratación de titulados e/ou colexiados nos gabinetes de prensa e direccións de comunicación das Administracións, coa finalidade de que estes departamentos cumpran a súa importante función social de xeito óptimo". Unha función aínda máis importante, nas palabras de Alberto Varela, presidente da Fegamp, "nestes tempos de infoxicación onde moitas persoas aproveitan a liberdade de expresión e as posibilidades das tecnoloxías para colar falsas novas".

A Federación trasladou aos distintos concellos galegos o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, animándoos a mellorar as súas políticas de comunicación. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no seu compromiso coa profesión, mantén unha defensa constante da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións, posto a titulación correspondente ou a colexiación son as únicas garantías dun tratamento correcto e profesional da información no ámbito público.

CPXG