A FIP propón adoptar unha convención internacional sobre a seguridade dos e das xornalistas
A Federación Internacional de Xornalistas aproveita o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas para pedir apoios á súa proposta de convención internacional nas Nacións Unidas sobre a seguridade de xornalistas e outros e outras profesionais dos medios. O proxecto contempla distintas obrigas para que os estados fagan fronte á impunidade da violencia contra informadores e a creación dun Comité para a Seguranza dos Xornalistas.
Con motivo da celebración, este 2 de novembro, do Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) vén de solicitar aos gobernos, aos e ás xornalistas e ás organizacións de medios de comunicación que apoien a adopción dunha convención internacional nas Nacións Unidas sobre a seguridade e a independencia dos e das xornalistas e outros e outras profesionais dos medios de comunicación. Desde a organización internacional destacan que "a pesar das súas valiosas intencións, o Plano de Acción da ONU sobre a seguranza dos xornalistas e a cuestión da impunidade foi incapaz" de ofrecer un entorno libre e seguro que prometeu, polo que "é aínda máis urxente a adopción dun instrumento que obrigue aos gobernos a facer fronte á impunidade da violencia contra xornalistas e persoal dos medios".
A proposta de convención, redactada pola profesora Carmen Draghici, quere pór de manifesto "as deficiencias e lagoas existentes no dereito internacional humanitario e dos dereitos humanos, así como a falta de mecanismos eficaces para a súa aplicación" e estabelece obrigas para os estados en materias de dereito á vida, dereito á liberdade, liberdade de expresión, investigacións e recursos eficaces, protección durante as eleccións e manifestacións públicas, protección durante os conflitos armados e medidas de sensibilización; ademais da creación dun Comité para a Seguranza dos Xornalistas, formado por quince membros elixidos polos estados cada catro anos. Máis de 60 xornalistas, sindicatos de medios de comunicación, asociacións, órganos de representación de medios, organizacións de medios e ONG de todo o mundo xa asinaron a proposta de convención da FIP, e pódense enviar máis apoios ao correo electrónico jeremy.dear@ifj.org.
O Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas foi estabelecido no ano 2013 para denunciar a falta de castigo para os asasinatos de xornalistas e lembrar que sen garantías da seguridade dos e das informadoras, é toda a sociedade a que sofre unha falta de liberdade de información e de dereitos. Ademais da proposta da FIP, este ano a Organización das Nacións Unidas organiza en Viena, os días 3 e 4 de novembro, a Conferencia de Alto Nivel "Protexer os medios de comunicación para protexer a democracia"; e Reporteiros Sen Fronteiras ímpulsa o lanzamento do “Chamamento do 2 de novembro contra a impunidade dos crímes a xornalistas”, no que oito fiscais de diferentes países se comprometen a que os ataques contra xornalistas non queden sen resposta penal.
CPXG