A Plataforma polos Dereitos de Autor reitera a necesidade de protexer as obras de xornalistas e fotógrafos

A Plataforma polos Dereitos de Autor (PDA) reitera a necesidade de protexer adecuadamente as obras de xornalistas e fotógrafos en calquera soporte, tarefa pola que vén traballando propoñendo aos grupos políticos varias enmendas á Lei de Propiedade Intelectual, actualmente a debate no Parlamento, mentres que eses dereitos véñense vulnerando reiteradamente.
Desgraciadamente, hoxe en día, quen crean textos ou imaxes e xa que logo son depositarios dos correspondentes dereitos, non só teñen que padecer uns prezos irrisorios polo seu traballo ou colaboración nun medio de comunicación, pese a que a empresa editora o utiliza nos soportes e medios do grupo ou fai asinar contratos leoninos á forza, senón que tamén son vítimas da sustracción do seu traballo en Internet.

As organizacións que integramos a PDA -Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP), do que fai parte o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e os Colexios Profesionais de Xornalistas de Andalucía, Castela e León e Murcia- facemos público o noso malestar pola lamentable e frecuente actuación dalgúns medios de comunicación e dalgúns xornalistas que usan imaxes, vídeos e textos, sen permiso, sen ningún tipo de remuneración, vulnerando ademais as máis elementais normas do Código Deontolóxico.

Recordamos que, o feito de que unha obra literaria ou gráfica apareza nalgunha web, blog ou redes sociais da Rede non supón que se poida utilizar con impunidade, senón que ten uns dereitos que non poden ser vulnerados.

A PDA insiste en que os produtos intelectuais teñen un valor e teñen que ser remunerados e que os dereitos de autor son irrenunciables, por iso é polo que presenta varias enmendas aos grupos parlamentarios, entendendo que o proxecto de reforma non recolle adecuadamente os dereitos de autor dos xornalistas e dos fotoxornalistas, malia seren expresamente recoñecidos pola Comisión Europea.

Nunha das enmendas insístese en que "os xornalistas gráficos e literarios son os autores, únicos ou colectivos, dos artigos, imaxes e outros materiais informativos que se publican, divulgan e emitan, asinados ou non asinados, a través dos medios de comunicación social impresos, radiofónicos, audiovisuales e electrónicos (informáticos/internet) e comparten cos editores de medios de comunicación o dereito a decidir a forma na que desexan que os seus traballos sexan explotados".

As organizacións profesionais e sindicais que integran a PDA, cuxas reivindicacións contan co respaldo da Federación Internacional de Xornalistas (FIP) e da Federación Europea de Xornalistas (FEP), denuncia estas actuacións e apoiará aos seus membros cando acudan aos tribunais cando vexan vulnerados os seus dereitos de propiedade intelectual.

PLATAFORMA POLOS DEREITOS DE AUTOR