A reforma de Zapatero impide executar a sentenza contra a unión da Ser e Antena 3

Un auto do Tribunal Supremo acaba de declarar que non se pode executar a súa sentenza do 9 de xuño de 2000, -anulou a concentración da Ser, Antena 3 Radio e Unión Radio-, debido ó cambio da lei que regula o sector da radio, aprobado polo Goberno de José Rodríguez Zapatero en xuño de 2005.
O auto do Supremo contén dous votos particulares, segundo os cales o cambio da lei lesiona o pluralismo informativo e advirten de que o propio Supremo debería ter instado á inconstitucionalidade da mesma.

Desde xuño de 2000, nin o Goberno do Partido Popular, presidido por José María Aznar, nin o do PSOE, encabezado por José Luis Rodríguez Zapatero, fixeron nada por executar a sentenza do Supremo, que anulaba a autorización do Executivo para proceder á unión da Ser e Antena 3 de Radio. Pero Rodríguez Zapatero foi máis alá e modificou a lei para evitar a pataca quente de executar unha sentenza moi desfavorable para o Grupo Prisa, presidido por Xesús Polanco.

Para o presidente do Goberno, o cambio da lei, que permite a un único operador controlar máis do 50% das concesións de radio, só resolvía "un problema que leva anos pendente e que ninguén resolvera por dificultades obxectivas de aplicación dunha sentenza", segundo recoñeceu en Punto Radio o 14 de febreiro de 2005.

O pasado 26 de abril, unha das partes, formada por un grupo de xornalistas integrado por Manuel Martín Ferrand, Melchor Miralis, Federico Jiménez Losantos, José María García, Luis Ferreiro e Pedro J. Ramírez, e representada polo avogado Felipe Arizubieta, pediu á Sala terceira do Tribunal Supremo "declarar non executada a sentenza de 9 de xuño de 2000". Tamén lle solicitou que acordase "as medidas necesarias" para a aplicar, "á vista da ineficacia e falta de vontade posta de manifesto por parte das diferentes administracións que ocuparon o poder executivo no Estado español".

A resposta do Supremo é que a modificación da lei levada a cabo polo Goberno de Rodríguez Zapatero, e a posterior autorización por parte deste, en xaneiro de 2006, dunha nova operación de concentración consistente na toma de control de Antena 3 de Radio por parte de Unión Radio, impide a execución da sentenza de 2000.

Non houbo unanimidade entre os maxistrados da Sala terceira do Tribunal Supremo na resolución deste incidente. A favor do auto pronunciáronse o presidente da sala, Fernando Ledesma Bartret, Eduardo Espín e José Manuel Bandrés. Os votos particulares corresponden a Óscar González González e a Manuel Campos.

O Maxistrado Óscar González González considera que nada impide a execución da sentenza de 9 de xuño de 2000. Desde o seu punto de vista, os cambios normativos do Goberno de José Rodríguez Zapatero lesionan o pluralismo informativo e vai máis alá ó sinalar que debría de ter obrigado ó Supremo á presentación da cuestión de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional.

Engade Óscar González González que "resulta extremadamente preocupante que a execución da sentenza de 9 de xuño de 2000, se tentase encubrir baixo a aparencia formal da anulación dos acordos previos de concentración, cando na práctica a realidade presentaba un escenario completamente diferente. Esta preocupación chega ós seus máis altos límites, cando son as propias partes intervenientes nela as que non se recatan de admitir esa realidade, nos seus escritos ante o Tribunal de Defensa da competencia".

Pola súa parte, o maxistrado Manuel Campos asegura no seu voto particular que "debe declararse non executada a Sentenza sen prexuízo de que agora sexa imposible a súa execución, dado que son supostos distintos con consecuencias xurídicas distintas, entre outras a responsabilidade da Administración pola súa ineficacia". Para este maxistrado, os demandantes poden "derivar da declaración de incumprimento de dita sentencia determinadas consecuencias ou efectos xurídicos".

Insiste Manuel Campos en que "a sentenza de 9 de xuño de 2000 non foi debidamente executiva", porque "o seu cumprimento debese supor a separación efectiva e real da xestión operativa e económica de Antena 3 de Radio das outras sociedades codemandadas, en concreto respecto da Ser, o que non se levou a cabo".

MADRID
EL MUNDO
Marivi Casanueva