A UE inicia a regulación dunha IA que afecta cada día máis ao xornalismo

O Parlamento Europeo ratificaba este mércores a Lei Europea sobre Intelixencia Artificial, a primeira normativa do mundo sobre a materia pero que deixa sen regular cuestións fundamentais sobre o uso desta tecnoloxía. Ao mesmo tempo, a Comisión Europea instaba á transparencia da IA na comunicación por parte dos partidos políticos, evitando a difusión de deepfakes. A IA vai camiño de marcar a comunicación dos próximos tempos e o seu uso pode ser tanto unha oportunidade como un desastre para o exercicio do xornalismo. 

A Comisión Europea emitiu recentemente unha recomendación dirixida aos partidos políticos na que lles solicita que informen do uso da intelixencia artificial (IA) á hora de elaborar ou difundir contidos, así como que se absteñan de producir ou difundir “deepfakes” ou “ultra falsificacións". O pronunciamento ten a súa orixe na publicación en novembro dunha foto xerada por IA nas redes de Ion Antolín, responsábel de comunicación do PSOE, e a posterior denuncia deste feito por parte da eurodeputada de Ciudadanos Maite Pagazaurtundúa, e coincide no tempo coa publicación do texto definitivo da lei europea da intelixencia artificial, á que a propia comisión se refire para reclamar transparencia.

A normativa europea sobre intelixencia artificial foi acordada o pasado 8 de decembro, logo da sesión máis longa da historia da Unión Europea, de 38 horas, e ratificouna este mércores o Parlamento Europeo. O texto da lei, pioneira na regulación da IA, recoñece que o uso destes sistemas pode representar un "alto risco" para dereitos fundamentais como os da liberdade de expresión e información, pero algunhas voces consideran que queda corta á hora de regular cuestións claves sobre esta materia. Un dos temas principais, que pode afectar a xornalistas, é o do recoñecemento dos dereitos de autor. O regulamento salienta que todos os sistemas deben garantir o cumprimento destes dereitos, pero non estabelece vías para facelo, alén de dicir que será competencia da Oficina da IA, o organismo, aínda sen constituír, que velará polo cumprimento da normativa.

Mentres se desenvolven estas ferramentas normativas, a intelixencia artificial vai camiño de marcar o exercicio do xornalismo nos anos vindeiros. O Instituto Reuters da Universidade de Oxford publicaba recentemente o seu informe IA e o futuro das noticias, que resume os estudos que se están a desenvolver na materia e as cuestións que formula o uso desta tecnoloxía. As conclusións apuntan a que se ben a IA pode ser unha ferramenta poderosa para a produción de información, a súa xeneralización pode ter tamén consecuencias moi negativas, como a redución do tráfico dirixido aos medios a través da súa integración nos motores de búsqueda ou o seu uso para a desinformación, algo que se prevé como un problema moi import

CPXG