Alerta das radios libres comunitarias polo reparto do dial FM en Madrid

As asociacións de radios libres e comunitarias da Comunidade de Madrid emitiron un comunicado de preocupación polos antecedentes do Goberno rexional de non conceder frecuencias a emisoras sen ánimo de lucro, no momento da próxima adxudicación de 21 emisoras de radio.
A discriminación e exclusión para emisoras de radio promovidas por asociacións sen ánimo de lucro é xa unha acción sistemática por parte do Goberno e as diversas comunidades autónomas á hora de adxudicar legalmente as franxas da FM.

A presidencia europea de Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) e a Unión de Radios Libres e Comunitarias de Madrid (URCM), alertan por iso de que o Proxecto Técnico de FM e o concurso para a adxudicación de emisoras de radio da Comunidade de Madrid exclúan a estas emisoras.

O prazo de presentación de proxectos remata o 2 de marzo e a adxudicación poderíase facer en plena campaña para as eleccións municipais.

A pesar da gran demanda social deste tipo de emisoras no 2003 a Comunidade de Madrid eliminou a categoría de 'Emisoras Culturais e sen ánimo de lucro'. A situación agrávase agora ó tratarse das últimas frecuencias de radio privada que recibirá a Comunidade de Madrid polo que non quedará espazo para máis emisoras.

A regulación da radiodifusión na nosa rexión non recolle a existencia de emisoras sen ánimo de lucro. O Decreto 57/1997 recollía a categoría de 'emisoras culturais sen ánimo de lucro' pero unha posterior modificación (Decreto 29/2003) eliminou esta posibilidade. Na actualidade este Decreto está recorrido nos Tribunais.

Os impedimentos legais e o caos do dial en cidades como Madrid deixan ás radios libres e comunitarias sen espazo no dial. Moitas destas emisoras levan máis de vinte anos de traxectoria e a pesar do destacable labor social que levan a cabo a súa existencia non está recoñecida legalmente, polo que están en situación de total indefensión.

Mariano Sánchez, presidente de AMARC-Europa, lamenta que non se previse a reserva dun espazo no dial para estas emisoras como ocorre no resto de países da UE e que se manteñan marcos xurídicos discriminatorios que exclúen ás radios libres e comunitarias de ter presenza no dial.

Desde a URCM sinalan que "non entendemos a présa da Comunidade de Madrid en facer o reparto das licenzas en plena campaña electoral, con menos de dous meses de prazo para presentar proxectos e sen esperar a próxima tramitación da Lei Xeral Audiovisual. Trátase ademais das últimas frecuencias de FM para radios privadas en Madrid, xa non haberá máis por esgotamento do espectro radioeléctrico. Resulta por outra parte incoherente esta présa tendo en conta que o Goberno Rexional recorreu ante o Tribunal Supremo o Proxecto Técnico polo que se lle conceden estas frecuencias que saca a concurso e tampouco a querido esperar a que se resolva o recurso interposto pola URCM pola eliminación da categoría de 'emisora cultural e sen animo de lucro'".

MADRID
PERIODISTAS-ES / ANIA