Aprobado un proxecto de directiva europea contra as demandas SLAPP

A Eurocámara avanza na protección dos xornalistas e medios contra as demandas abusivas coa aprobación, este mércores 12, dun proxecto de directiva europea que estabelece garantías para as vítimas de litixios abusivos. O texto definitivo da norma terá que ser agora consensuado entre o Parlamento Europeo e os distintos estados membros. 

O Parlamento Europeo aprobou este mércores 12 de xullo un proxecto de directiva europea que busca protexer a xornalistas, medios de comunicación, activistas, investigadores e artistas fronte aos litixios abusivos destinados a intimidalos ou silencialos, o que comunmente se denomina como demandas SLAPP (polas siglas do inglés strategic lawsuit against public participation). O documento foi aprobado pola Eurocámara con 498 votos a favor, 33 en contra e 105 abstencións.

As novas normas deberán aplicarse cando a persoa demandada, a demandante e o tribunal non estean radicados no mesmo país, ou cando o acto de participación pública teña relevancia en máis dun Estado membro e sexa accesible por vías electrónicas. O proxecto de directiva prevé garantías para as vítimas de demandas SLAPP como a posibilidade de solicitar a desestimación rápida, a posibilidade de sancións para os demandantes abusivos ou a indemnización por danos psicolóxicos ou á reputación. Ademais, os casos de difamación só poderán ser admitidos no tribunal nacional do demandado. 

O proxecto foi defendido polo parlamentario alemán Tiemo Wölken, quen declarou que "os xornalistas e activistas son unha pedra angular das nosas democracias e deberían poder traballar sen ser intimidados". O proxecto de directiva entra agora nun período de negociacións entre o Parlamento Europeo e os Estados membros para darlle a forma definitiva á lexislación. Os ministros da Unión Europea xa acordaron o mes pasado a súa disposición a regular as demandas SLAPP.

CPXG