As audiencias dos medios de comunicación estatais, marcadamente polarizadas

A escolla dos medios para informarse está fortemente marcada pola preferencia política, segundo unha análise de Digimedios a partir dos datos do CIS. Esta polarización das audiencias daríase de igual maneira na prensa, na radio e na televisión, independentemente de que se trate de medios públicos ou privados. Con todo, os medios de ámbito inferior ao estatal teñen unha repartición de audiencias moito menos polarizada. 

O portal Digimedios analiza os datos contidos no último Estudio sobre audiencias de medios de comunicación social publicado polo Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) e alerta sobre unha marcada polarización das audiencias dos medios de comunicación estatais en función das súas preferencias políticas, tanto en prensa como en radio e televisión. Este nesgo ideolóxico, contodo, sería moito menos marcado nos medios local, onde non se observan grandes diferenzas nas escollas informativas. 

Así, ao cruzar as preferencias informativas coas lembranzas de voto, compróbase que entre as distintos xornais estatais, as persoas que votaron ao PSOE e a Sumar acoden maioritariamente a El País (un 31% e un 22%, respectivamente, sinálano como a súa escolla preferida) ou eldiario.es (7% e 18% respectivamente). Pola contra, quen votou ao PP e Vox escolle El Mundo (20% e 19%, respectivamente) ou o ABC (9% e 10%). A situación é semellante no caso das televisións: as persoas votantes do PP prefiren informarse en Antena 3 (escolla preferida polo 42%) e Telecinco (10%), de maneira semellante ás de Vox (37% e 13%), mentres que os votantes do PSOE o fan na TVE (30%) e La Sexta (23%), igual que os de Sumar (28% e 27%). No caso das radios, as opcións preferentes da esquerda son a Ser (48% das votantes do PSOE e 50% das de Sumar) e RNE (10% e 8%), mentres que as votantes de dereita se inclinan pola Cope (38% do PP, 36% de Vox) e Onda Cero (23% e 14%) .

No caso dos medios de ámbito local, obsérvase unha repartición das audiencias moito menos polarizada. Así, no caso de La Voz de Galicia, o único xornal galego presente na análise, non se recollen grandes diferenzas entre o seu uso entre as persoas votantes do PP (sendo a escolla preferida do 3%), PSOE e Sumar (o 2% de cada un) e Vox (1%).

CPXG