Autocontrol recibiu no 2006 187 reclamacións sobre o contido de anuncios

Autocontrol, Asociación para a Autorregulación da Comunicación Comercial, recibiu o ano pasado 187 reclamacións polo contido de anuncios, das que 27 se referiron á protección da infancia. En 2006, a asociación, que integra a operadores de televisión e anunciantes, analizou o contido de máis de 1.500 anuncios antes da súa emisión. O 70% recibiron un veredicto positivo.
A asociación aumentou un 21% o número de anuncios estudados respecto a 2005, a maioría spots de televisión (1.328), o que representa o 90% dos dirixidos ós nenos. O seu servizo de consulta previa deu o seu visto e prace ó 70,6% dos anuncios presentados, aproximadamente 1.050, se ben se recomendou a modificación de 341 e a non emisión en 87 casos.

En relación ós anuncios non dirixidos especificamente a menores, aconselláronse limitacións do horario de emisión en 209 ocasións e limitacións de medio de difusión, en 312. Ademais, en 14 oportunidades recomendouse a non emisión de anuncios pola aparición de nenos en situación de perigo. As 27 reclamacións recibidas resolvéronse con 8 estimacións, 8 rexeitadas, e 9 nos que a empresa aceptou facer os axustes necesarios.

Publicidade de xoguetes
No marco do Acordo coa Asociación de Fabricantes de Xoguetes para a autorregulación da publicidade (xuño 2003), a asociación revisou antes da súa emisión 736 solicitudes sobre estes anuncios. Dos revisados, un 70,7% recibiu unha análise positiva e en 10 ocasións aconsellouse a non emisión do proxecto de anuncio.

Entre os motivos polos que se recomendou introducir modificacións nos proxectos de anuncios, ou se desaconsellou a súa emisión, encóntranse, por esta orde: a falta de indicacións con información adicional (pillas, montaxe ou véndense por separado); a indución a erro sobre características e prestacións reais do produto e a explotación da imaxinación do menor co abuso de animación, entre outros.

No apartado de reclamacións, o Xurado de Autocontrol no 2006 recibiu 16 reclamacións, 7 delas aceptadas pola empresa reclamada, e o resto resolvidas polo Xurado da Publicidade, que apoiou 3 reclamacións e desestimou 6.

Entre os principais motivos de reclamación encóntranse a explotación ou abuso da especial confianza que os nenos poidan ter en personaxes de programas infantís ou a incitación directa ós menores á compra do produto ou que persuadan ós seus pais para a compra e publicidade enganosa.

Alimentos dirixidos a nenos
Autocontrol revisou 463 anuncios de alimentos dirixidos a menores de 13 anos. Dos analizados, un 73% foron aceptados; un 22% obtiveron a recomendación de modificacións, e nun 5% desaconsellouse a difusión. Desde a súa entrada en vigor (en setembro de 2005) revisáronse, antes da súa emisión, 686 proxectos de anuncios.

MADRID
EL MUNDO / EUROPA PRESS