Centos de persoas renden unha sentida homenaxe ó xornalista Hrant Dink, asasinado fai 40 días en Estambul

O recordo do xornalista turco Hrant Dink, asasinado fai 40 días por un ultranacionalista, atraeu a centos de persoas a un acto en Estambul, onde vinte grupos musicais cantaron en diversas linguas.
Con este concerto, celebrado o pasado mércores pola noite e que durou ata a madrugada de onte, non só se rendiu homenaxe a Dink, senón que tamén se cumpriu coa tradición turca de lembrar ó falecido 40 días tras a súa morte nun acto onde se come un doce chamado "helva".

A homenaxe ó xornalista asasinado foi organizada polo periódico Agos, no que traballaba Dink, e a Asociación de Espectáculos Artísticos Bogaziçi, na sala de exhibicións Yeni Mellek de Estambul.

Polo escenario pasaron grupos de diferentes recunchos de Turquía que cantaron nas linguas turca, kurda, armenia, grega e laz (un idioma da zona do Mar Negro) para mostrar a riqueza e diversidade do país, con ritmos que foron desde o rock do grupo Mor ve Otesi á gaita de Birol Topaloglu, a sentida voz de Aynur ou as cancións tradicionais de Kardes Turkuler, entre outros.

Tamén interviñeron intelectuais e membros de asociacións de dereitos humanos, Vedat Turkali, Eren Keskin, Sarkis Seropyan, entre outros, que lembraron os postulados de Dink a favor da paz, a convivencia e o respecto á diversidade, así como a súa postura crítica para o nacionalismo.

Para finalizar, todos os artistas cantaron a canción tradicional turco-armenia Sari Gelin, que segundo os seus amigos era a preferida do xornalista.

MADRID / ESTAMBUL
EL MUNDO /EFE