Cincocentos días do encarceramento de Pablo González
Pablo González, o xornalista vasco detido en Polonia, fai 500 días na cadea sen que se coñezan aínda as acusacións ou probas contra el, ao tempo que se lle segue a limitar a comunicación coa familia. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volve esixir ás autoridades polacas que e españolas accións para pór fin á vulneración de dereitos do comunicador.
Este xoves 13 de xullo fanse 500 días do encarceramento de Pablo González en Polonia, sen que fosen resoltas en ningún modo as vulneracións de dereitos e as trabas á liberdade de prensa que implican o seu caso. A súa muller denunciaba hoxe que se seguen a descoñecer as acusacións que pesan sobre el (alén dunha xenérica referencia á espionaxe) nin as probas que as sustentarían, que só se lle permitiron dúas visitas familiares e que lle está a impedir a comunicación telefónica cos seus fillos, así como que perdeu moito peso neste medio millar de días de cadea.
Xornalista e politólogo vasco especializado na información da órbita ex soviética, Pablo González foi acusado de "prorruso" mentres informaba sobre o Donbás polos servizos secretos ucraínos, que o convidaron a abandonar o país. De volta en Polonia, cubría a chegada de refuxiados cando foi detido pola intelixencia dese país o 27 de febreiro de 2022, e desde entón atópase na cadea. Ese mesmo ano, foi un dos candidatos ao XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa.
O seu caso xerou desde o comezo a condena de numerosas organizacións, como a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, Reporteiros Sen Fronteiras, o Comité para a Protección dos Xornalistas ou numerosas organizacións sindicais. Con motivo dos cincocentos días de encarceramento, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volveu reclamar ás autoridades polacas que respecten os dereitos de Pablo González e ao goberno español que interceda para pór fin á intolerábel situación de indefensión do xornalista.
CPXG