Comeza no IES Rafael Puga da Coruña o obradoiro de xornalismo en igualdade 'Contar con todas'

Eliana Martíns imparte un dos obradoiros de hoxe

O obradoiro Contar con todas, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Deputación da Coruña no IES Rafael Puga Ramón, tivo hoxe as súas primeiras sesións para o alumnado de 3º e 4º da ESO. A iniciativa busca crear usuarias e usuarios dos medios conscientes, que defendan as boas prácticas do xornalismo con perspectiva de xénero. A partir do contido impartido, as rapazas e rapaces realizarán traballos xornalístico con perspectiva de xénero, sobre temáticas próximas á súa realidade, que estarán dispoñibles online.

O alumnado do IES Rafael Puga Ramón da Coruña recibiu esta mañá a primeira xornada do obradoiro de xornalismo en igualdade Contar con todas.  Esta iniciativa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Deputación da Coruña, está enfocada a que as rapazas e os rapaces de 3º e 4º da ESO sexan quen de identificar cando falla a perspectiva de xénero nunha información que ven nos medios de comunicación. Os obradoiros son impartidos por Ángela Fernández Casal, Ana Gonzalez Liste e Eliana Martíns Alvela, membros da Xunta de Goberno do CPXG, e Marta Otero Mayán, representante territorial na Coruña.

Ás sesións realizadas hoxe (entre as 8:50 e as 09.40 para o alumnado de cuarto e das 9:40 ás 10:30 para o de terceiro) complementaranse este xoves con outras clases teóricas para introducir a rapazada en cuestións básicas da perspectiva de xénero no xornalismo (representación, estereotipos na información, tratamentos informativos, retos para a loita contra a violencia de xénero desde os medios), así como o funcionamento dos distintos xéneros xornalísticos, tanto os tradicionais como os novos formatos. A partir destas nocións as propias alumnas e alumnos realizarán un traballo xornalístico con perspectiva de xénero, sobre un tema próximos á súa propia realidade, monitorizado pola xornalista docente a través de titorías. Estes traballos estarán finalmente dispoñibles online.

A violencia de xénero e a discriminación das mulleres son problema estruturais, polo que os medios de comunicación, como elementos socializadores, teñen un papel fundamental na formación dunha conciencia colectiva arredor destas cuestións. Para combatelos desde o xornalismo cómpre aplicar a perspectiva de xénero e para iso precisamos unha audiencia consciente dos contidos que perpetúan os estereotipos de xénero ou que invisibilizan as mulleres, así como das boas prácticas do xornalismo feminista. Coa iniciativa Contar con todas búscase a formación de lectoras e lectores cun espírito crítico, que contribúan a aumentar a demanda social por unha profesión responsábel e cunha perspectiva de xénero.

CPXG