Correo TV empeza hoxe a súa emisión en probas

Coa retransmisión en directo da sesión extraordinaria do Congreso dos Deputados na que o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, informará da política antiterrorista, comeza hoxe as súas emisións Correo Televisión, a nova canle televisiva do Grupo Correo Gallego.
O inicio do pleno está fixado para as catro da tarde. Pola noite, ás dez, emitirase Faladoiro, dirixido e presentado pola xornalista Susana López. Trátase dun programa de debate, de produción propia, no que xunto coa moderadora, catro contertulios debullarán de luns a venres a actualidade local, autonómica e estatal, con especial referencia a Compostela e a Galicia.

Neste primeiro programa, os convidados son xornalistas da casa: Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe; Luis Pousa, subdirector de EL CORREO GALLEGO e os columnistas e responsables de opinión do mesmo xornal, Carlos Luis Rodríguez e Xavier Navaza. No decurso dunha hora farán balance político do ano pasado e analizarán deseguido o que nos pode deparar o actual.

Correo TV comeza a súa andaina, en probas, na Rúa Preguntoiro, 29, mentres se efectúan os axustes precisos da calidade técnica do sinal de emisión, que se realiza a través de Retegal desde O Pedroso, sintonizando a canle 60 en UHF, a 44 do reemisor de Montouto, ou con Retevisión, na 55 das Cancelas. Tamén se están a facer medicións para chegar a tódolos concellos da comarca con boa calidade de imaxe.

O resto da programación complétase cunha variada oferta de Distrivisión, empresa subministradora de contidos de televisión, con sede na Coruña, do produtor e empresario José María Besteiro, responsable de Libro de Familia. Correo TV emitirá durante as 24 horas.

Cómpre lembrar que o Grupo Correo Gallego recibiu da Xunta licenza para catro canles de televisión dixital terreste (TDT). Corresponden ás demarcacións de Santiago, Ribeira, Lalín e Vimianzo, co que cubrirá o corazón de Galicia chegando a unha poboación que supera o medio millón de habitantes. Correo TV adiántase á era dixital, cun proxecto que en contidos e tecnoloxía servirá para entrar de cheo no futuro das telecomunicacións. Coa televisión, completa a súa actividade multimedia de prensa, radio, internet, produtora e división editorial.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
GALICIA HOXE