Declaración ante as posibles axudas públicas aos diarios

Ante a grave crise económica, publicitaria e de vendas que está afectando aos diarios, o Col.legi de Periodistes de Catalunya, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Asociación de la Prensa de Madrid e a Unió de Periodistes Valencians apoian un Plan de Axuda gobernamental ao sector, coa premisa de que sexa transparente, debatido e con compromisos para todas as partes.
A crise provocou un proceso intenso de despedimentos e axuste de custos que fan aínda máis precario o traballo dos xornalistas e debilita dunha forma demoledora a supervivencia duns medios de información rigorosos, independentes e profesionais, condición á súa vez indispensable para asegurar a pluralidade da sociedade á que serven e o exercicio responsable dunha democracia representativa.

Como organizacións representativas, esiximos que calquera Plan de Axuda incorpore como compromiso esencial a defensa do traballo, empregos con calidade, a dignidade profesional e a posta en marcha de proxectos viables economicamente que apoien o traballo dos xornalistas.

Sostemos que as axudas do Goberno a un determinado proxecto teñen que servir para crear postos de traballo e non para empregar o diñeiro só para axustar balances ou, o que é moito peor, para financiar Expedientes de Regulación de Emprego ou calquera outra forma de despedimento.

Consideramos que a resposta á crise pasa por conseguir máis calidade profesional, máis respecto ás normas éticas e deontolóxicas. Entendemos que, pola contra, a resposta que os medios están dando á crise mediante as regulacións de emprego afecta á calidade dos produtos informativos ao prescindir dos xornalistas con maior experiencia, mellor formados e apegados aos principios éticos que cimentaron, e necesariamente deben seguir cimentando, a nosa profesión.

Axudas e rescisión de contrato de traballo non poden ser compatibles. As axudas deben ter como obxectivo e condición necesaria o mantemento do nivel de emprego e o rexeitamento á imposición de condicións salariais indignas. Antes que rescindir contratos -nin sequera coas indemnizacións máximas do despedimento improcedente ou dalgúns ERE autorizados-, hai que defender o emprego.

Preferimos unha suspensión temporal de emprego, a repartición de traballo, en resumo, a negociación á rescisión de contratos laborais. E a efectiva implantación da conciliación da vida laboral e familiar, que nalgúns casos, pode levar á redución de xornada co seguinte axuste de salarios.

As axudas públicas propostas en forma de créditos, de adiamentos de cotas sociais, de axudas directas á difusión e á formación para contribuír á reestruturación do sector, parécennos adecuadas pero deben ser transparentes, públicas e con compromisos claros por parte de quen se van a favorecer delas, incluídos os xornalistas.

As axudas deben ter como contrapartida un compromiso dos editores para defender a independencia, autonomía e profesionalidade dos medios e dos xornalistas.

Como estamos convencidos de que se serve mellor ao xornalismo cando a parte empresarial e xornalística están comprometidos cos valores da profesión, defendemos que o marco adecuado para fixar este compromiso é o Estatuto do Xornalista, do que o Código Deontolóxico é unha peza fundamental.

O Col.legi de Periodistes de Catalunya, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Asociación de la Prensa de Madrid e a Unió de Periodistes Valencians recordamos que a calidade da democracia precisa dunha información de calidade. O reto do conxunto da sociedade está en preservar o xornalismo como garantía dos valores democráticos. Este é o mellor camiño para manter a credibilidade e a confianza dos lectores. Esa é a primeira condición para superar a crise.

CPXG-CPC-APM-UPV