Ébola: hai unha epidemia que se transmite máis rápido que o virus

Na Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vemos con preocupación como no tratamento informativo do contaxio do virus do Ébola á auxiliar de enfermería Teresa R. se están infrinxindo as máis elementais normas éticas.
Tanto que, aínda que non se produza especial nin principalmente no noso ámbito de actuación, como organismo público que representa aos profesionais galegos consideramos que temos a obriga de pronunciármonos. E non nos referimos ao tratamento como espectáculo do que é unha crise de saúde pública, ou do uso dunha persoa como peón nunha loita política. Senón da grave intromisión na intimidade dunha doente.

A primeira agresión é desvelar a súa identidade. Non coñecela, o que suporía que os medios quedasen inermes e suxeitos á información (sic) das autoridades sanitarias e sen capacidade de investigar, senón desvelala. Que os nomes das vítimas non deben ser revelados é un principio que non por repetidamente infrinxidos deixa de estar vixente. E mais neste caso, no que os seus apelidos, nin a súa cara, non engaden información ningunha.

A segunda é a difusión sen trabas das súas fotos persoais e familiares. Pode ser discutible ata que punto unhas imaxes subidas a unha rede social son privadas, pero o certo é que a inmensa maioría dos usuarios, descoñecedores das ensarillados e cambiantes modalidades de permisos de visión e compartición que teñen redes como Facebook, se as poñen aí é para as vexan os seus amigos, non para que pasen a formar parte dun arquivo de libre disposición dos medios. Sobre todo algunhas fotos feitas na máis estrita intimidade, que calquera persoa evitaría non xa difundir, senón sequera mostrar a alguén pouco coñecido.

Por esta razón, o CPXG sinala unha vez máis a inutilidade da autorregulación como método de vixilancia da deontoloxía periodística. O único reparo parece ser agardar a que algún medio tire a primeira pedra para os demais ter a escusa de proceder á lapidación. O Colexio chama á responsabilidade dos profesionais para que evitar a propagación deste outro andazo, que non necesita do contacto físico para transmitirse.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia