Enorme retroceso na situación do xornalismo en Afganistán

A toma do poder en Afganistán por parte dos talibáns deixa un panorama pouco prometedor para a liberdade de prensa e a seguranza das e dos xornalistas. Boa parte dos profesionais estranxeiros abandonaron o país, mentres os comunicadores afgáns denuncian violencia, ameazas e restriccións, e moitos solicitan ser evacuados. Especialmente preocupante é a situación das mulleres xornalistas, moitas das cales deixaron de exercer a profesión nos últimos días. 

Tras a entrada Kabul, a mediados de agosto, dos combatentes talibáns, o que significou a toma efectiva do poder, os ollos de todo o mundo estiveron pendentes de Afganistán este verán. A chegada ao poder dos talibáns foi vista de maneira xeralizada en occidente como un retroceso de direitos no país, e o direito á información non foi unha excepción. Ainda que os talibáns prometeron respectar a liberdade de prensa, esta promesa é vista con escepticismo tanto desde o exterior como entre os propios xornalistas afgáns. O que vai suceder a partir da formación do novo goberno aínda é unha incógnita, mais as expectativas non son esperanzadoras

As historias de como algúns correspondentes estranxeiros saíron do país, como os casos de Clarissa Ward ou Jorge Said foron repetidas en numerosos medios como exemplo dos numerosos profesionais que abandonaron Afganistán nos últimos días. Menos coñecido é o caso de Muhammad Iqbal Mengal, xornalista paquistaní desaparecido desde o 28 de agosto, supostamente tras ser detido polas forzas talibán. Mentres tanto, medios internacionais, entre eles Televisión Española, tentan introducir equipos no país para loitar contra o vacío informativo que provoca a fuxida de xornalistas internacionais.

Con todo, a principal catástrofe para o xornalismo estáse a producir entre os propios profesionais afgáns. En Afganistán hai polo menos, 8 axencias de noticias, 52 canles de televisión, 165 emisoras de radio e 190 publicacións, cuns 12.000 xornalistas. Máis de 2.000 xa solicitaron ser evacuados do país, e as informacións recollen represalias e ataques contra informadores independentes, así como de medidas cada vez máis restrictivas para informar. Uns cen medios xa silenciaron as súas voces no país desde a chegada ao poder dos talibáns. Outros, como a canle de noticias 24 horas Tolo News, continúan a súa actividade no medio da violencia. A peor parte, como en tantas outras ocasións, lévana as mulleres xornalistas: Reporteiros Sen Fronteiras calcula que das 700 profesionais que traballaban en Kabul, só 100 seguen activas neste momento.  

CPXG