Iniciase o proceso de Federación de Colexios de Xornalistas de España

Comunicado conxunto dos colexios profesionais de xornalistas de Cataluña e Galicia.
"Conscientes da necesidade de profundar nos mecanismos de asociación, defensa e representación dos profesionais da comunicación.

Tendo en conta a situación actual, especialmente preocupante para a profesión xornalística e a percepción, ás veces negativa, da sociedade para co exercicio da nosa profesión.

Persuadidos da función social estratéxica e vertebradora que a comunicación exerce nas sociedades libres, democráticas e plurais.

Convencidos da necesidade de potenciar e mellorar esa función para un mellor servicio á sociedade, protagonista e destinataria das mensaxes informativas,

A Decana do COLLEGI PROFESIONAL DE PERIODISTES DE CATALUNYA (CPC) e o Decano do COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA (CPXG) e representantes das respectivas Xuntas de Goberno, reunidas en Santiago de Compostela os días 4 e 5 de outubro de 2002, deciden IMPULSAR A CREACIÓN DUNHA FEDERACIÒN DE COLEXIOS DE XORNALISTAS, integrada inicialmente por esas dúas institucións e aberta a outros Colexios que poidan constituírse no futuro.

Os Colexios catalán e galego, únicos existentes ata agora e que agrupan a uns 4.500 profesionais, se comprometen a colaborar activamente cos colectivos de xornalistas que impulsan a creación de colexios profesionais e con outras organizacións, do Estado, europeas e internacionais, defensoras das e os profesionais da comunicación.

As dúas institucións comprométense a celebrar alomenos dúas xuntanzas anuais para o seguimento das obrigas contraídas e das que decidan asumir conxunta e solidariamente no futuro.

Os Colexios de Xornalistas de Cataluña e Galicia queren subliñar publicamente o seu firme compromiso para desenvolver conxunta e solidariamente iniciativas e accións de representación e defensa dos seus asociados e do conxunto da profesión xornalística para conseguir medias e mensaxes eticamente exemplares, socialmente útiles e esteticamente atractivas.

Neste sentido ambas institucións consideran necesario chamar a atención acerca de algúns aspectos negativos ou manifestamente mellorables en relación co exercicio da profesión e a percepción social da función e o traballo das empresas de comunicación e das e os xornalistas.

1.- Queremos avanzar decididamente na elaboración e aprobación dun Estatuto da Profesión Xornalística como marco de referencia e obrigado cumprimento para empresas e profesionais, evitando a actual e abusiva desregulación e garantindo o dereito básico da cidadanía a acceder á información.

2.- É urxente promover a redacción e observancia dun código deontolóxico que explicite obrigas e comprometa ás empresas e ós profesionais nun exercicio ético do xornalismo ó servicio da sociedade, seguindo o modelo do código instituído polo CPC en 1992.

3.- Esiximos a regulación do segredo profesional do xornalista.

4.- Instamos ás autoridades laborais a que extremen a atención e o seguimento de contravimentos e abusos, cada vez máis frecuentes e estendidos por parte das empresas de comunicación, con atención preferente á contratación temporal e precaria, a figura do autónomo, os colaboradores á peza e a realización de prácticas por parte de estudiantes e licenciados en xornalismo. Apoiamos unha regulación legal que dea cobertura a estes xornalistas no ámbito dos seus dereitos laborais e profesionais.

5.- Necesitamos mecanismos de autocontrol profesional (estatutos e consellos de redacción) e Consellos da Información, como o catalán, plurais e autónomos, que garantan a observancia e o cumprimento das esixencias éticas irrenunciables.

6.- É preciso protexer adecuadamente os dereitos de autor das e os profesionais da comunicación e moi especialmente o resultado do traballo de fotoperiodistas e informadores gráficos.

7.- É necesario transformar positivamente a xestión e o control, social e profesional, dos medios de titularidade pública co fin de que poidan cumprir un papel relevante, exemplar e dinamizador do debate social e do conxunto do hipersector da comunicación. Instamos ás administracións públicas á creación de Consellos do Audiovisual.

8.- Chamamos a atención sobre o impacto negativo de converter en espectáculo contidos informativos e outras propostas programáticas, particularmente en medios audiovisuais públicos e privados, ó tempo que denunciamos o papel desempeñado por profesionais que exercen o xornalismo mesturando a información con publicidade e/ou espectáculo. Recorremos neste punto á responsabilidade dos xestores e titulares das empresas públicas e privadas de comunicación.

9.- Debemos propiciar o debate social, aberto e participativo, sobre estes e outros problemas da comunicación, e o compromiso activo e solidario das e os profesionais, para trasladar esta mensaxe á sociedade.

10.- Chamamos a atención acerca de a necesidade de preservar a defensa das liberdades de expresión e información, claves para o desenvolvemento dunha sociedade aberta, libre, plural e democrática".

MONSERRAT MINOBIS, Decana do COLLEGI DE PERIODISTES DE CATALUNYA.

XOSÉ MARÍA GARCÍA PALMEIRO, Decano do COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA.

En Santiago de Compostela, a 5 de outubro de 2002.