José Ramón Gómez Besteiro: "Non estou pensando en ser candidato, senón no encargo que asumín"

  • José Ramón Gómez Besteiro no Almorzo On/Off do Colexio de Xornalistas (Foto: Delegación do Goberno en Galicia)
  • Parte Off do almorzo con colexiadas e colexiados (Foto: Delegación do Goberno en Galicia)
  • Parte On do almorzo, conferencia de prensa de acceso libre (Foto: Delegación do Goberno en Galicia)

José Ramón Gómez Besteiro, asegurou onte, no Almorzo On/Off organizado na Fundación Luis Seaone pola demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que asume o cargo de Delegado do Goberno en Galicia "coa ilusión de facelo ben" e que a súa prioridade serán infraestruturas como as conexións ferroviarias ou o Eixo Atlántico.

A posibilidade de postularse como candidato á Xunta foi un dos temas que centraron as preguntas a José Ramón Gómez Besteiro, quen negou que o seu nomeamento sexa unha operación nese sentido: "Temos o bo costume de elixir o candidato por primarias". "Non estou pensado niso, senón no encargo que asumín", declarou. Sobre o seu regreso á política afirmou que "dá un poco de vértixe volver despois de todos estes anos", pero asegura que "veño coa ilusión de facelo ben".

En relación ao seu traballo á fronte da Delegación de Goberno, Besteiro  dixo que a súa intención é estar "a pé de rúa" e "protexer" os colectivos máis vulnerábeis, e que unha das súas prioridades é impulsar as infraestruturas pendentes en Galicia. Nese sentido, lembrou que durante este mandato xa se están abordando algunhas destas cuestións "de forma clara", como "a conexión ferroviaria entre Ourense e Lugo e entre A Coruña e Punta Langosteira, a consolidación da potencia industrial e la recuperación da ría do Burgo".

José Ramón Gómez Besteiro

Nado en 1967 en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e avogado de profesión. Comezou a militar no PSdeG-PSOE, partido no que desenvolveu toda a súa carreira política, aos 31 anos. 

Entre 1999 e 2007 foi portavoz do goberno socialista do Concello de Lugo, concelleiro de Urbanismo e deputado Provincial. Presidente da Deputación de Lugo dende xullo de 2007 até xuño de 2015, centrou o seu traballo no emprego, a economía medioambiental, as novas tecnoloxías e a loita contra o despoboamento. Dende o organismo provincial creou unha rede pública de residencias e centros de día, a transferencia dos hospitais ao Sergas, a creación da UNED en Lugo, a construción dun centro de recría de gando e a posta en marcha dunha rede provincial de parques de bombeiros.

Secretario xeral da Agrupación de Lugo ata 2012, cando asumíu a secretaría provincial, en setembro de 2013 foi elixido secretario xeral do PSdeG-PSOE no Congreso Extraordinaria, no que obtivo o 95 por cento dos votos, logo de vencer nas eleccións primarias do PSdeG-PSOE. Mais en marzo de 2016 renunciou á secretaría xeral do partido e a ser o candidato á Xunta de Galicia, logo de ser imputado pola xuíza Pilar de Lara como presunto autor de varios delitos. As causas foron finalmente arquivadas e a xuíza inhabilitada e sancionada polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Tras varios anos ausente da política activa, o pasado mes foi nomeado Delegado do Goberno en Galicia. 

Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

Demarcación da Coruña
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia