Massouda Kohistani: "Sen as mulleres, como pode desenvolverse unha sociedade?"
Massouda Kohistani denunciou hoxe, no Almorzo On/Off organizado en Santiago polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Amnistía Internacional Galicia, a situación das mulleres no seu país, que "o perderon todo" tras a chegada ao poder dos talibáns, cunha ideoloxía construída "contra as mulleres, contra os dereitos humanos e contra o desenvolvemento". A activista e defensora dos Dereitos Humanos en Afganistán reclamou apoio internacional á disidencia interna para "loitar contra os terroristas".
A defensora dos dereitos humanos afgá Massouda Kohistani destacou hoxe no Almorzo On/Off organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Amnistía Internacional Galicia que, tras a chegada dos talibáns ao poder no seu país, "toda a poboación está en perigo", cunha situación catastrófica a nivel de seguranza e económico, mais especialmente no caso das mulleres, que "o perderon todo" . Os talibáns prohibiron a educación das nenas, regularon canto pode camiñar unha muller sen a compañía dun home e mesmo prohibiron calquera traballo feminino remunerado dentro das casas. "Como as mulleres non teñen permitida ningunha actividade económica, a vida é moi difícil para elas", e están "obrigadas a obedecer a quen trae o diñeiro a casa". Isto provocou que moitas mulleres teñan problemas mentais e un aumento da taxa de violencia de xénero e tamén da taxa de suicidios, mesmo no caso dos homes. "Mesmo fora de Afganistán, perdemos as nosas vidas", asegurou Kohistani: "Agora estou a vivir como unha estudante, dependo doutros e non sei se vou ter un traballo. Como podería dicir que teño unha vida normal?".
Kohistani dixo que o goberno talibán ten unha ideoloxía moi concreta, que vai "contra as mulleres, contra os dereitos humanos e contra o desenvolvemento". "Non hai diferencia entre o Exército Islámico e os talibáns", asegurou, "simplemente uns teñen unha bandeira branca e os outros negra, mais ambos os dous pensan que non é necesario que as mulleres tiñan presenza pública. E sen as mulleres, como pode desenvolverse unha sociedade?". Fronte as pretensión dos talibáns de acadar recoñecemento internacional, asegurou que "o pobo de Afganistán non acepta isto, porque esa non é a nosa ideoloxía nin é a nosa cultura". Así, salientou que "non é fácil, pero hai mulleres que están elevando a voz" ou saíndo á rúa sen o burca: "Estamos fartas de estar caladas, temos que facer algo". Tamén lembrou que existen militares que están a loitar "contra os terroristas" e salientou o caso de máis de corenta activistas refuxiadas en Pakistán que foron arrestadas "e isto non sae nas noticias". Por todo iso, reclamou unha implicación da comunidade internacional no apoio á disidencia interna: "Xa perdimos moito tempo. As organizacións humanitarias e de defensa das mulleres foran falar cos talibáns, mais os resultados foron nulos".
Massouda Kohistani
Massouda Kohistani é investigadora e docente. Membro no seu país da Unidade de Investigación e Evaluación de Afganistán (organización independente para a mellora da situación social do país) e da Afghan Women’s Network, foi ameazada de morte despois de convocar a primeira manifestación tras a volta dos talibáns ao poder e xogou un papel clave no apoio as mulleres no proceso de evacuación das mesmas. Participante tamén da JIRGA Nacional sobre Consultas para a Paz (o antecedente do Proceso de Doha para a Paz en Afganistán), defendeu a participación da muller na esfera pública, especialmente para acadar a representación feminina no Goberno. Dende agosto de 2021 está refuxiada en España a raíz da toma de Kabul por parte dos talibáns porque a súa vida corría perigo.
Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia