O Colexio de Xornalistas apoia a manifestación "Por unha CRTVG ao servizo do pobo"

Presentación da manifestación o pasado mércores 5 de outubro

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apoia a manifestación convocada polo Comité Intercentros da CRTVG e unha trintena de colectivos para o domingo 6 de novembro ás 12:00 horas en Santiago de Compostela. As reclamacións da marcha, convocada baixo o lema "Por unha CRTVG ao servizo do pobo", son coincidentes co modelo de medios públicos que o CPXG leva anos reivindicando, baseado na profesionalidade, a independencia, o pluralismo, a información de proximidade e a igualdade de xénero.  

O Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e máis de trinta organizacións e colectivos políticos, sindicais e sociais galegos convocaron o pasado 5 de outubro unha manifestación baixo o lema “Por unha CRTVG ao servizo do pobo”. A marcha, que sairá o domingo 6 de novembro ás 12;00 da Praza Roxa de Santiago de Compostela, organízase coa vontade "de defender a existencia dunha radiotelevisión pública que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia". 

O conxunto de reivindicacións expresadas no manifesto da convocatoria, dado a coñecer polas entidades asinantes, concorda coas liñas de traballo que sempre defendeu para os medios públicos o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en correspondencia cos seus obxectivos, marcados nos estatutos, de garantir a independencia informativa e defender o dereito a liberdade de información e de expresión da sociedade galega. Máis aínda: cuestións como a obxectividade e imparcialidade, o pluralismo, a información de proximidade, o uso do galego, o fomento da igualdade ou a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos non son só reclamacións deste Colexio ou do conxunto da profesión, senón que son mandatos legais da radio e televisión públicas galegas, e están entre os principios de servizo público que fundamentan mesmamente a súa existencia.  

Desde o seu nacemento, o Colexio de Xornalistas ten expresado a convicción de que o estabelecemento dun modelo de medios públicos baseado na profesionalidade, que garanta a súa independencia e pluralidade, é un dos principais retos do xornalismo galego. A aprobación da Lei 9/2011, na que participou o Colexio, significou un paso adiante neste camiño, mais a día de hoxe seguen sen se cumprir algunhas das súas disposicións máis relevantes. Unha vez máis, reiteramos que o cumprimento íntegro da Lei é imprescindíbel para avanzar na profesionalización e desgobernamentalización da CRTVG e garantir o acceso da cidadanía a unha información veraz, plural e independente. E todo iso sen esquecer que nesta década se teñen formulado novos desafíos no mundo da comunicación, como a irrupción das plataformas dixitais, que esixen unha actualización do modelo dos medios públicos, sempre na liña dos obxectivos de servizo público e defensa da liberdade de información.

Por todo isto, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere apoiar a manifestación do vindeiro 6 de novembro e o resto de accións reivindicativas organizadas polos colectivos convocantes, e chama ao conxunto da profesión xornalística galega a sumarse a elas na defensa dunha CRTVG verdadeiramente pública, baseada nos principios de profesionalidade, independencia, pluralismo e igualdade.

Xunta de Goberno 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia