O Colexio de Xornalistas de Galicia condena a agresión perpetrada contra a delegación de TVE en Vigo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), logo de coñecer a noticia do lanzamento de tres "cócteis molotof" contra a delegación de Televisión Española (TVE) en Vigo, fai público o seguinte comunicado:
1.- Rexeitamos e condenamos esta agresión, ou calquera outra, perpetrada contra un medio de comunicación e, en xeral, o emprego da violencia, que entendemos innecesaria e inxustificada.

2.- Expresamos a nosa solidariedade e o noso apoio ós profesionais de TVE, nomeadamente ós que desempeñan o seu traballo en Vigo, e facemos votos para que nin eles nin outros profesionais da información teñan que pasar por semellantes trances.

3.- Como xa fixemos noutras ocasións, reiteramos que a palabra e o diálogo son, e han ser, os instrumentos da convivencia, e o lexítimo exercicio da crítica, nunha sociedade libre, plural e democrática, capaz de sobrepoñerse a estas agresións e de neutralizar as accións dos partidarios da violencia.