O Colexio de Xornalistas esixe ó Goberno español que garanta a seguridade dos informadores na guerra de Iraq

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), logo da morte de 12 profesionais da información a consecuencia dos bombardeos anglo-norteamericanos sobre Bagdad, fai pública a seguinte nota:
1.- Expresamos a nosa solidariedade coa familia e cos compañeiros do xornalista do diario "El Mundo", Julio Anguita Parrado, morto ó ser alcanzado por un misil, e do cámara de Telecinco, José Couso Permuy, galego de Ferrol, morto a causa do impacto dunha granada disparada por un tanque norteamericano contra o piso 15 do Hotel Palestina, de Bagdad, lugar de aloxamento da prensa internacional.

2.- Expresamos a solidariedade e o apoio a tódolos xornalistas, enviados especiais nesa guerra, obrigados a traballar con gravísimo risco para as súas vidas. As víctimas dan idea da dureza dos ataques indiscriminados que non distinguen obxectivos civís.

3.-Expresamos a solidariedade con tódalas víctimas desta guerra "preventiva", ilegal, inxusta e contraria ós principios do Dereito Internacional, que debería ser interrumpida canto antes para evitar a multiplicación de tanto sufrimento e tanta dor á poboación civil iraquí.

4.- Esiximos do Goberno Español que, dacordo coas recomendacións da Unión Europea, demande dos seus aliados que garantan o traballo e a seguridade dos xornalistas. Esa garantía é o aval necesario para que a cidadanía reciba a información imprescindible sobre unha guerra levada a cabo, por certo, á marxe do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. O Goberno Español, desde o seu compromiso co ataque impulsado por Estados Unidos e a Gran Bretaña, debería propiciar a interrupción desta agresión, facendo seu o clamor pola paz que segue vivo en Galicia, en España e en todo o mundo.

5.- O CPXG agradece e fai constar o testemuño de dor e solidariedade cos xornalistas galegos, transmitido pola Decana do Col.legi de Periodistes de Catalunya, Monserrat Minobis, no nome do conxunto da profesión xornalística catalana.