O Colexio de Xornalistas solidarizase co cámara de V Televisión agredido

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solidarízase co cámara de V Televisión, agredido onte no exterior dos Xulgados de Ourense, cando cubría a saída de catro testemuñas que acudiran a prestar declaración nas dilixencias abertas por un delito de presunta prevaricación da Deputación de José Luis Baltar, por contratacións masivas irregulares.
Un home que acompañaba a unha das testemuñas, Josefa Astray, ao saír logo de declarar ante o titular do Xulgado de instrucción nº1, Leonardo Álvarez, ameazou verbalmente aos xornalistas e reporteiros gráficos congregados no exterior, despois fixo aceno de botarse a correr tras dun fotógrafo, cousa que non fixo ao ser contido pola súa compañeira, para finalmente, volverse e darlle unha patada ao camarógrafo de V TV, como se pode apreciar nas imaxes que gravou o propio agredido .

Na secuencia que seguiu gravando, vese como o individuo sigue tamén proferindo insultos contra os profesionais mentres se vai.

O CPXG, ademais de denunciar os feitos e solidarizarse cos agredidos, pon os seus servizos xurídicos ao seu dispor por se estiman oportunoutilizalos. E lembra unha vez máis que informar é unha batalla na que as armas que utilizamos son unicamente os bolígrafos e os cadernos, os micrófonos e as cámaras, en definitiva a palabra e a imaxe, e gustaríanos que houbese sempre reciprocidade, garantindo a integridade dos profesionais que exercen o dereito a informar.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia